Nesta primeira fase póñense a disposición da cidadanía 231 epístolas procedentes dunha trintena de autores. Destacan as abondosas cartas con Celso Emilio Ferreiro, embaixador da revista Papeles de Son Armadáns en Galicia; con Isaac Díaz Pardo; coa Fundación Rosalía de Castro, así como as relacionadas coa tradución ao galego de La familia de Pascual Duarte entre as que se inclúe o manuscrito do prólogo de Otero Pedrayo e as misivas sobre a tradución que realizou Vicente Risco; ou as cartas co seu gran amigo, o escritor, xornalista e guionista, Mariano Rodríguez Tudela. Aínda queda moito epistolario por desvelar neste espazo web que irá medrando coa colaboración das distintas entidades, autores, intelectuais e artistas galegos cos que Cela mantivo relación e que permite coñecer máis de preto o sentimento de galeguidade que acompañou ao premio Nobel ao longo da súa vida e obra.
A colección epistolar de Cela
O epistolario conservado na Fundación Pública Galega Camilo José Cela abrangue desde 1942, ano da publicación da primeira novela do autor, La familia de Pascual Duarte, ata o 17 de xaneiro de 2002, data do seu pasamento.
A colección completa está composta por máis de 95.000 cartas correspondentes con case 13.000 persoeiros da vida social, política e cultural da segunda metade do século XX e constitúe un fondo documental de gran valor.