As futuras contas, que superan os 103 millóns de euros e contemplan un investimento de 14,9 millóns (un 24,2 % máis respecto ao exercicio anterior), chegan tras varias semanas de contactos, conversacións e negociacións.
Este mércores, o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes, presentaron un documento orzamentario con claras intencións de seguir profundando no modelo de cidade e avanzar en retos clave como a renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo, o pavillón de Monte Porreiro, o parque da Parda, o inicio da transformación da avenida de Compostela, o edificio de emerxencias, o vial de Mollabao, ademais de investimentos destinados á mellora dos servizos sociais do municipio, entre outras actuacións.
No relativo ao gasto corrente, Fernández Lores recoñeceu que o orzamento amosa unha variación significativa respecto a anos anteriores no capítulo de persoal: a recente transferencia da Unidade de Adiccións e Drogodependencias á Xunta de Galicia permitiu aliviar o peso económico destinado aos recursos humanos.
Pola súa banda, o Partido Socialista destacou a súa influencia na negociación para lograr incrementar partidas en benestar social, cultura, deporte, espazos verdes e na modernización e mantemento de numerosos centros educativos do municipio.
Ademais, ambas formacións alcanzaron un acordo político para continuar estudando a situación do acceso á vivenda no concello e valorar solucións que contribúan a reducir os prezos actuais, tanto en réxime de alugueiro como en compra.
En canto ás interpretacións políticas do pacto, Iván Puentes afirmou que “Pontevedra é unha auténtica excepción no actual panorama político estatal”, en referencia a capacidade de aplicar os criterios democráticos que levan a diferentes forzas políticas a pechar acordos importantes para mellores os servizos públicos.
Aclarou que as liñas vermellas non condicionaron a negociación, malia que a solicitude de apertura da rúa Reina Victoria continúa sendo o maior punto de discrepancia entre PSdeG e BNG. Puentes subliñou que “non é aceptable bloquear a evolución dunha cidade por un asunto concreto”.
Para o rexedor, Fernández Lores, o acordo entre ambos grupos responde á responsabilidade de evitar que a cidade quede paralizada en proxectos e investimentos ao longo de 2026. Preguntado polo papel do PP, lamentou que os populares representen “a nada” pola súa actitude destrutiva e pouca disposición a aceptar ideas doutras formacións, ademais de cualificalos como “insensibles coas necesidades da cidade de Pontevedra”.
A escenificación deste entendemento no mes de xaneiro de 2026 podería ser o último antes do horizonte electoral de 2027. Os socialistas, malia investir a Lores como alcalde e apoiar distintas propostas orzamentarias e modificacións de crédito, decidiron manterse na oposición durante todo o mandato. E a próximidade dos comicios podería condicionar futuras negociacións co obxectivo de marcar notables distancias como estatexia de cara as eleccións municipais do ano que ven.

