23 xaneiro 2027

Os Feroz volverán a Pontevedra por terceiro ano consecutivo

Concello de Pontevedra e AICE chegan a un acordo para ‘non cambiar’ e manter a Boa Vila como sede dos galardóns por un ano máis

Susana Pedreira

Pontevedra |

 O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, acompañado da vicepresidenta segunda da AICE, Elena Sánchez
Os Feroz volverán a Pontevedra por terceiro ano consecutivo | Concello de Pontevedra

A gala dos Premios Feroz fixa a súa data para o 23 de xaneiro do ano 2027; con anterioridade sucederase unha intensa programación na cidade relacionada co cinema e o audiovisual Os Premios Feroz 2027 terán como sede a cidade de Pontevedra. Por terceiro ano consecutivo, a Asociación de Informadores Cinetamográficos de España escolle a Boa Vila para entregar uns premios que continúan medrando en repercusión, importancia e atención estatal e internacional. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, acompañado da vicepresidenta segunda da AICE, Elena Sánchez, ofreceron esta mañá de luns unha rolda de prensa para dar conta deste anuncio, confirmando que o Recinto Feiral de Pontevedra será de novo o escenario para a entrega e retransmisión dos galardóns.

Pontevedra converterase así na primeira cidade, fóra de Madrid, que acolle estes premios durante tres anos consecutivos. "Podemos dicir ben algo que non cambiamos e que volvemos a Pontevedra", sinalou a vicepresidenta, que fixo fincapé no ambiente positivo que transmite Pontevedra e na incríbel recepción que tiveron os Feroz en Pontevedra ao longo destes dous anos. Seguindo as súas palabras, Sánchez explica que o obxectivo desta terceira edición será ampliar aínda máis as actividades previas á celebración da gala, así como a propia cita de entrega.

Pola súa banda, Fernández Lores indicou que este luns era unha xornada «de moita ilusión», amosando a súa ledicia á hora de poder contar que os Feroz seguirán en Pontevedra un ano máis, co que todo iso supón. “Regresan porque a cidade e a súa xente así o quere”, explicou, lembrando a incríbel sintonía acadada entre a cidadanía e os premios a través da súa programación previa. A experiencia das dúas edicións anteriores foi "moi positiva" para ambas as dúas partes e demostra a "enorme capacidade" para atraer e organizar grandes eventos, algo que entende que é "un éxito de cidade e unha promoción grande para Pontevedra”. "A cidade respondeu de marabilla e demostrou que sempre quere máis”.

Cómpre sinalar que Yurena, homenaxeada na pasada edición durante a cerimonia, interpretou o seu hit ‘Non cambiei’ ao final da presentación, agradecendo o agarimo amosado pola organización e a cidadanía ao longo destes últimos meses.