Promoción turística

A Deputación de Pontevedra sitúa Cando volves? como a  campaña provincial de maior impacto na historia

Alcanzou máis de 69,5 millóns de impactos, sumando a actividade de promoción tradicional e as accións especiais con influencers e provocou a maior cifra de procuras sobre a provincia na rede.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Promoción turística
A Deputación de Pontevedra sitúa Cando volves? como a  campaña provincial de maior impacto na historia | Deputación de Pontevedra

A campaña, que por vez primeira situou como eixo comunicativo o interior da provincia na promoción de Rías Baixas, conseguiu máis de 69,5 millóns de impactos, sumando a actividade de promoción tradicional e as accións especiais con influencers, o que supón un aumento do 61% con respecto á campaña do 2024 (43 millóns de impactos) e dun 30% con respecto á do 2023 (53,6 millóns de impactos).

Cando volves? consolídase, deste xeito, como a campaña de promoción turística da provincia de Pontevedra co maior rendemento global ata a data, provocando un notable incremento do interese polo destino que se traduce no récord de procuras na rede, que chegaron a 34.500 o que supón o pico máis elevado de procuras sobre a provincia en Internet, cunha variación do 145% respecto ás 14.095 buscas rexistradas no 2021. Por outra banda, a campaña de influencers desenvolvida xerou unha alta conexión co público obxectivo, superando os 4 millóns de reproducións e rexistrando un elevado nivel de interaccións positivas, o que favoreceu o posicionamento da provincia de Pontevedra. E as redes sociais de Turismo Rías Baixas superaron os 94.700 seguidores, cun incremento de máis do 120% en Instagram, reforzando a visibilidade de Rías Baixas.

Ademais de centrar o eixo comunicativo no interior, Cando volves? tamén puxo o foco na hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia, así como nas posibilidades que ofrece o destino ao longo dos 365 días do ano. A campaña recibiu galardóns internacionais pola súa creatividade, calidade técnica e forte impacto promocional como os acadados no Amorgos Tourism Film Festival (Grecia), no Cannes Corporte Media & Tv Awards (Francia), no Terres Travel Festival – Film & Creativity (España), no US International Awards (Estados Unidos), no International Tourism Film Festival (Sudáfrica) e no Japan World´s Tourism Film Festival (Xapón), que culminaron co recoñecemento como una das cinco mellores películas do mundo na 37ª edición dos World Tourism Film Awards, considerados como os “Óscar” do turismo, a máxima distinción internacional no ámbito audiovisual turístico.