Dende que pasou á «reserva» da primeira liña do poder, José Luis Baltar foise metendo pouco a pouco no papel de xubilado e avó. Aínda que o último dos baróns do PP nunca adquirirá a condición de suxeito pasivo -a súa paixón pola política é superior ás súas forzas por máis que o disimule-, si que aprendeu a gozar do tempo, de non ser escravo da axenda e da súa capacidade innata para as relacións públicas.
Hoxe, a súa prácida xubilación interromperase porque debe comparecer como imputado por prevaricación ante a xustiza para explicar a contratación irregular de 104 persoas no organismo provincial. Sucedeu hai catro anos, nos días previos ao congreso que catapultou ao seu fillo, José Manuel Baltar, á presidencia provincial do PP. A vista oral comezará ás nove e media da mañá e polo xulgado pasarán máis de setenta persoas, incluídos algúns dos supostos enchufados.
O Baltartrajeado que saudaba a todo o mundo á carreira, entre acto do partido e cita social ou benéfica, transmutado se no Baltar de camisa azul de raias e cazadora clara que te encontras a media mañá charlando en calquera rúa ou praza, facendo bromas sobre a súa situación procesual e amentando as falcatruadas que outros fixeron con toda impunidade. Con sorna e con esa proximidade que lle serviu de pasaporte para un palmarés de vitorias en citas electorais que moitos envexan.
Aínda que o seu sorriso e a súa mensaxe son claros -unha inhabilitación para cargo público á súa idade é pouco menos que nada, por máis que lle moleste todo o circo mediático- nalgunha comida con xente de confianza ten asegurado que lle preocupa que o proceso poida saldarse con problemas para algún traballador da Deputación.
O político ao que despediron en olor de multitudes en Expourense -con varios miles de persoas pagando para comer xunto ao seu ídolo, valedor, empregador, amigo, correlixionario ideolóxico- dá o perfil de calquera veciño que se achega a realizar algunha xestión a Ourense. Coa clásica carpeta azul de cartón, tamaño folio e coas gomas aos lados, espeta a queimarroupa ao tempo que saúda o seu interlocutor: «Ando de recados. Agora como estouna casa cada vez que hai que facer algo tócame a min». E gózao, porque se adapta perfectamente ao perfil do que para en todas as esquinas para conversar, saudar, interesarse pola familia, os amigos e os negocios.
Co curso saldado, rematou unha das súas citas diarias: recoller os seus netos á saída do colexio. Unha responsabilidade na que sucedeu ao seu antigo chofer e amigo Jesús Pereira. El era quen acudía a polos netos do xefe -nalgún tempo con polémica por se o facía no coche oficial ou no particular- e o que resultou sacrificado co relevo xeracional: non encaixaba no organigrama do novo presidente da Deputación.
No seu pobo ten casa con terreo, horto solar e unha nave agrícola abandonada, reconvertida en garaxe para a súa colección de coches clásicos. Os vehículos e as motos son a súa paixón, e alí pasa horas gozándoa.
Baltar asinou unha importante colección de cargos: alcalde en Nogueira de Ramuín, deputado provincial, senador, presidente da Deputación de Ourense e concelleiro na corporación da cidade, entre outros. Acode regularmente á comida e faladoiro dos exsenadores ourensanos do seu partido e participa nalgunhas das tradicionais comidas dos representantes do PP tras o pleno na Deputación. Nalgúns casos a súa presenza foi interpretada como algo máis que unha comida de amigos: así foi na reunión que sucedeu ao pleno en que Freire Couto, alcalde de Barbadás, tivo que renunciar á presidencia do Inorde por problemas con Facenda.
A cita de hoxe na Audiencia vén precedida da polémica. Cando Baltar acudiu a declarar concentráronse alcaldes, concelleiros, militantes do PP e un par de «anxos da garda». O encontro saldouse con descualificacións, insultos, empuxóns e algún que outra labazada.