Xunta de Galicia

A Xunta aposta polo rural a través das casas niño

Contribúen a facilitar a conciliación, fixar poboación e á incorporación da muller ao mercado laboral

ondacero.es

Ourense | 03.12.2018 09:46

xornadas femuro
xornadas femuro | xunta de galicia

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, destacou que a aposta da Xunta de Galicia por favorecer a conciliación da vida familiar e laboral tamén se estende aos concellos pequenos e de carácter rural. Fíxoo nas xornadas sobre desenvolvemento rural da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), que se celebraron no Hotel Balneario do concello de Lobios.

Nesta liña, a directora xeral lembrou que Galicia conta hoxe cunha rede consolidada de casas niño, servizo gratuíto para o coidado de nenos e nenas de 0 a 3 anos que fai máis doada a conciliación e contribúen a fixar poboación en lugares rurais. Tamén apuntou que estes equipamentos supoñen unha oportunidade para a incorporación da muller ao mercado laboral, pois están xestionadas maioritariamente por elas.

Amparo González manifestou que as mulleres son axentes clave para conseguir os cambios económicos, ambientais e sociais necesarios para o desenvolvemento sostible de Galicia. Así mesmo, subliñou que o medio rural non só vive hoxe da agricultura, senón que se está a producir unha continua diversificación de actividades que abren novas oportunidades e o fan máis atractivo para a poboación en xeral.