Jóvenes Empresarios en la Onda

AJE Ourense demostra o talento dos xóvenes empresarios ourensáns

Coñecemos a historia e o traballo dos emprendedores ourensáns que están detrás de Yuka Animación, Mr Rey Multiservicios, Nicandra e Unión Centro de Terapia Integral.

ondacero.es

Ourense | 12.09.2019 10:54 (Publicado 09.09.2019 18:13)

Jóvenes Empresarios en la Onda
Jóvenes Empresarios en la Onda | Onda Cero Ourense

Unha das nosas últimas entrevistadas, ata o momento, na sección de Jóvenes Empresarios en la Onda lembrou un proverbio africano que di que se queres chegar lonxe debes ir acompañado. E iso é exactamente o que lles aporta AJE Ourense a todos os seus asociados, a unión nas preocupacións, nas dúbidas, no esforzo e tamén no éxito.

Yuka Animación, Mr Rey Multiservicios, Nicandra e Unión Centro de Terapia Integral son un claro exemplo das innumerables capacidades dos nosos empresarios máis novos.

Yuka, animación de eventos para pequenos e maiores

Se estás pensando en buscar unha empresa para que se encargue na túa voda da animación dos nenos, se tes a comuñón do teu fillo pronto e non sabes que preparar para que os rapaces non se aburran tralo banquete, ou incluso se buscas un equipo de profesionais que poña música e moita diversión ás túas celebracións atoparalo todo nun só sitio: en Yuka Animación e Lecer. Adrián Nóvoa e o seu amplo equipo de monitores deron forma durante os últimos catro anos a todo un referente no sector, partindo dunha idea: “existe un apartado de voluntariado moi admirable e importante, e Yuka naceu co obxectivo de profesionalizalo, é dicir, que nós fósemos capaces de vivir do tempo libre, que ata fai 4 anos parecía un soño pero hoxe o vemos como unha realidade”, explicou Adrián ante os micrófonos de Onda Cero.

Varios membros do equipo contaban con experiencia anterior nos campamentos organizados pola Xunta de Galicia, e decidiron así darlle unha volta a esa oferta, pasala ao sector privado cun prezo asequible e crearun servizo no que o neno é o protagonista, non só un mero espectador. “Por exemplo, a actuación dun mago se a integras nun xogo é moito máis que ter aos nenos como suxeitos pasivos vendo únicamente o espectáculo. Por iso,en Yuka intentamos sorprender tanto aos pais como aos rapaces”, detalla Adrián.

Videoxogos, hinchables, discoteca móvil para os adultos, con Yuka Animación non falta de nada. “Animamos a voda dende que comeza ata que acabe, tamén acompañamos aos nenos durante a comida, atendémolos e levámolos a xogar”. Ademais, mostra da súa profesionalidade é que se adaptan a todo tipo de espazos. “Cada restaurante é un universo. Temos un plano de cada restaurante feito por nós trala nosa experiencia nestes anos para coñecer ata onde están os enchufes. Cada sitio é un mundo. Nós adaptamos a nosa animación a cada restaurante para non fallar nunca”, comenta.

E como para a diversión non hai idade, o traballo de Yuka tampouco ten límite. “Traballamos conrapaces dende os 3 anos ata xente maior, non temos límite de idade. Propomos actividades dunha dimensión do lecer que engloba todo o ciclo vital dunha persoa”, di.

Por último, en canto ao que lle aporta AJE Ourense á súa empresa, Adrián coincide con moitos outros emprendedores. “Grazas a AJE axudámonos uns aos outros, facilitámonos ideas, contactos, e logramos sinerxias, iso é o máis importante”, remata.

Yuka Animación e Lecer

Tel. 662 550 983

Podes seguilos na súa páxina de Facebook

Mr Rey Multiservicios, reformas integrais e servizo de carraxería as 24 horas

Dicir Juan Rey é sinónimo de Míster Rey. “O nome sae do meu apelido Rey e de meu pai que sempre me chama míster”, confesábamos. E que é Mr Rey? Mr Rey Multiservicios é unha empresa ourensá, sita en avenidad de Zamora número 5, con múltiple funcinalidade. “Facemos de todo para o fogar, como reformas integrais, baños, cociñas, pequenas e grandes, todo o que sexa necesario. Ademais, ofrecemos un servizo 24 horas de cerraxería, con cambiosde pechadura, apertura de portas…”.

No tocante a cerraxería ofrecen servizo a comunidades, particulares, empresas e aseguradoras as 24 horas. Os ourensáns esquecémonos moitas veces as chaves dentro da casa? Juan cóntanolo: “Pola noite non se da tanto, pero nas fins de semana e festivo si que se dan máis casos”.

Ademais, na súa tenda física da avenida de Zamora, Mr Rey Multiservicos fai “duplicados de chave de todo tipo de pechadura, mandos de coche, garaxe, temos caixas fortes para venda”, detalla.

Por último, Juan Rey tamén se mostra moi satisfeito de terse asociado a AJE. “Traballan moi ben, fan moitas actividades. Dannos moita información e estamos todos en contacto, estou moi contento”, remata.

Mr Rey Multiservicios

Av. Zamora, 5

Tel. 671 10 20 10

www.misterrey.es

Nicandra, traxes de noiva, festa e casual para todo tipo de muller

As irmás Mónica e Sandra Díaz levan no sangue iso de coser. Os seus xoguetes máis habituais foron a agulla e fío e agora iso converteuse nunha exitosa firma ourensá, Nicandra, que confecciona a medida traxes únicos para noivas e convidadas únicas. “Temos unha empresa de confección que herdamos da nosa nai, polo que dende pequenas sempre estivemos unidas á agulla e ao fío. Facemos todo o que sexa a medida e que requira agulla, fío e tela”, así define Mónica o seu traballo. “Nicandra é a combinación de Mónica e Sandra, somos dúas irmás que nos adicamos a vestir á muller en todos os seus conceptos. Temos roupa de festa, noiva, casual e sport”, engade.

Dende abril, Nicandra conta cun novo showroom en Verín con 95 metros cadrados adicados a vestir á muller en xeral, e agora para axustarse á demanda das súas clientas tamén suman aos seus produtos deseños desenfadados para uso diario. “Imos comezar a distribuir a través da nosa web e de Amazon os nosos produtos casual, sport e algunhas prendas de festa máis desenfadadas. Non é a medida, é roupa feita, lista para mercar e poñer de inmediato”, explica.

Pero se por algo destaca esta firma é por confeccionar traxes de noiva únicos. “Sempre me gustou a alta costura no tema de noiva, polo que as nosas noivas son moi especiais porque non hai dúas iguais. Nós presentámoslles unha colección para que escollan un dos nosos vestidos, pero na maioría dos casos as noivas colaboran na elaboración, polo que son prendas únicas para elas”, explica Mónica.Porque do que se trata é de que esa prenda exclusiva para un día tan especial sexa o vestido soñado por cada unha das súas clientas. “Adaptamos a nosa idea a ela, co seus gustos, facemos probas de texido para ver o que lle vai ben, con que estilo mellora e ela vai sentindo o vestido que forma parte dela, de maneira que ten un vestido único que non sae nunha revista, deses que moitos o viron antes de que ela apareza no altar”, concreta.

Pero saiban que niso dos vestidos nupciais xa non todo é branco. “Fixemos traxes de noiva moi especiais, algún verde, branco con toque de negro ou rosa. A noiva é a que propón a tendencia. E traxes para todo tipo de cerimonia, relixiosa ou civil”, comentounos.

Nicandra está en Verín, pero ata a capital de Monterrei máis dunha ilusionada noiva se ten desprazado na procura dese deseño tan especial.“Non nos podemos queixar, temos unha clientela fiel, e temos moitas clientas tamén fóra, de Lugo, Vigo, Madrid, Zamora… A xente anímase a desprazarse para atopar ese vestido único que busca”, relata Mónica.

Por outra banda, no tocante a festa, Nicandra ofrece deseños a medida adaptados ao estilo de todo tipo de convidadas. E ademais, sendo de Verín, tamén empregan a súa agulla na festa por excelencia da súa vila: o Entroido. “Facemos todo tipo de disfraces do máis especiales”, di.

Para finalizar, en canto á súa experiencia como asociada en AJE Ourense, Mónica coincide en que todo son ventaxas. “AJE ábrenos portas, axúdanos en todo o que precisamos, resólvennos dúbidas e permítennos poñernos en contacto con xente tanto do noso sector como de outros distintos dos que nun momento dado podes precisar. Axudámonos uns a outros, e estou moi contenta dende que me asociei”, remata.

Nicandra

Rúa Deputación, 15 - Verín

www.nicandra.es

Podes visitar a súa páxina en Facebook no seguinte enlace

Unión. Centro de Terapia Integral

Unión Centro de Terapia Integral ofrece a máis ampla atención terapéutica aos nenos e ao seu entorno

Cristina Bouzas, Ana Alonso e María Conde son só unha pequena mostra do amplo equipo que compón “Unión, Centro de Terapia Integral”, unha empresa ourensá que naceu coa vocación de prestar unha atención completa a nenos con necesidades específicas e á súa familia.

“Cristina e máis eu viñamos doutros gabinetes, cunha ampla experiencia en intervención terapéutica, e a necesidade de dar un bo servizo foi o que nos uniu. Os propios usuarios demandábannos que se produxera esta unión e nós dedicidimos consolidala”, explicou Ana Alonso ante os micrófonos de Onda Cero Ourense. Pero Unión non son só elas dúas. “Fóronse unindo a maiores outros profesionais ao noso equipo. E estamos moi orgullosas do noso equipo porque son xente con amplos valores humanos, imprescindible nas nosas profesións, moi cualificados e en formación continua. O obxectivo é acompañar e dar a mellor solución ás familias que chegan ao noso centro”, engadiu.

En total son 12 profesionais. “Estamos catro logopedas, unha delas que é María que está especializada en atención temperá, outra en autismo e dous en terapia miofuncional.

Hai dous terapeutas psicomotrices, especializadas en atención temperá. Ademais, unha delas especializada en tema prenatale é fisioterapeuta neurolóxica, e leva o rango de idade de 0 a 2 anos; e a outra especializada en autismo.

Temos tamén un terapeuta ocupacional, especializado en integración sensorial, que ten unha ampla traxectoria na formación psicocorporal.

Hai unha fisioterapeura neurolóxica; unha psicopedagoga con experiencia no ámbito infantil; unha psicóloga clíncia especializada en infanto-juvenil;e unha psicóloga sanitaria ou educativa, especializada en habilidades sociais e autismo”, concretou Cristina Bouzas.

Pero no seu traballo tan importante é dar a atención máis axeitada como saber cando un caso escapa das súas mans. “É importante facer unha autoobsevación, ver onde están os nosos límites e saber derivar a outros centros como facemos actualmente coas idades adultas. Ademais, contamos coa colaboración de profesionais directos que complementan o noso labor de equipo”, engadiu Cristina.

Aínda que se enfrontan a diario a gran variedade de casos, Ana confesa na actualidade os máis habituais son dous. “É certo de que cos anos os casos vante elexindo a ti, e ultimamente estannos chegando moitos casos con trastorno do espectro autista e tamén trastorno específico da linguaxe. Pero estamos continuamente en formación, porque temos que seguir medrando profesionalmente”, confesa.

En calquera caso hai un compoñente esencial para lograr a melloría: a familia. “O neno chega cunha situación, e dende o abordaxe da atención temperá é imprescindible velo dende a perspectiva de que a familia e o seu entorno natural sono eixo central da intervención. Todo terapeuta establece un diálogo emocional para unha terapia correcta. Nós recibimos ao nenos, aos pais e aos avós, recibimos o conxunto e as circunstancias de cada un. Tes que ser unha persoa moi sensible e observadora, traballar dende a observación persoal e extrapersoal e establecer unha boa relación que será garante do éxito”, explica Ana. Pero non é o único. “É moi importante a coordinación cos centros educativos e tamén co Sergas. Hai que estar en constante contacto con eles para que a intervención sexa axeitada”, engade Cristina.

Ademais, ante esta situación nalgúns casos inesperada e totalmente descoñecida, os pais pregúntannse se o tratamento que require o seu fillo será para sempre. “O que intentamos é mellorar a calidade de vida do neno e dos pais. Non se poñen datas, vas conseguindo avances, mellorías e ves que se van conseguindo eses cambios, e si se consegue luz nesta situación.

Moitos casos son crónicos e precisan un tratamento de por vida, pero,traballando dende a prevención e cunha axeitada estimulación, hai nenos que poden chegar a ser moi autónomos e ter unha vida funcional”, comenta Ana.

Pola súa banda, María Conde contounos como pasou a formar parte deste equipo. “Uninme con moita ilusión, eu son de logopeda especializada en atención temperá. Son de Valladolid e tiña o meu traballo alí, pero o destino quixo que coñecera a Ana e Cristina e elas comentáronnos as súas ideas sobre este proxecto. E emocioneime, porque é moi difícil coincidir con outros profesionais que coincidan cos mesmos valores de traballo. Elas ofrecéronnos colaborar no seu proxecto e non dubidei en deixalo todo e vir”, comentou coa mesma ilusión do primeiro día.

Por último, en canto á súa experiencia con AJE Ourense Ana concluíu cunha frase totalmente axeitada para a filosofía da asociación. “O noso nome xa o di todo. Somos xóvenes, somos mulleres e somos empresarias así que pouco máis hai que explicar, asociarnos a AJE foi algo natural. Hai un proverbio africano que di se queres ir rápido vai solo, se queres chegar lonxe vai acompañado”.

Unión Centro de Terapia Integral

Sáenz Díez, 7

Podes visitar o seu Facebook facendo click neste enlace