Ourense Cidade

As silvas e malas herbas crecen sin control na obra estrela de Ourense

A obra, que acumula queixas veciñais pola súa falta de ambición, de mantemento, e polos remendos cos que foi executada, fixo que nas eleccións locais o PP fose terceira forza neste barrio de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 17.09.2019 13:16

Avenida Otero Pedrayo en Ourense
Avenida Otero Pedrayo en Ourense | psoe ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense reclámalle á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, “menos twitear e máis rozar” –como obriga legal que é– as malas herbas e silvas que crecen libremente pola avenida de Otero Pedrayo, unha vía de titularidade da Xunta, logo dunha reforma “cutre, feita a remendos e sen un soterramento demandando por toda a cidadanía”, obra que a propia conselleira e o exalcalde, Jesús Vázquez, venderon como a súa actuación estrela e que leva meses nun estado de conservación pésimo, acumulando queixas veciñais.

A medianeira da avenida, ao igual que as zonas verdes das súas marxes, son un “secarral” no que ou só hai terra ou silvas que crecen ocupando beirarrúas. Nas isletas nas que instalaron vexetación brotan malas herbas sen control, e as zonas con herba artificial comezan a acumular refugallo e suciedade, causada pola falta de mantemento e limpeza ordinaria. Así mesmo, parte da herba de plástico que cubre o cemento da rotonda construída á altura da igrexa da Asunción leva semanas rota e levantada, cunha gran arqueta de instalacións técnicas á vista, afeando o que o PP vendeu como “un símbolo” de Ourense.

“Menos presumir de desfeitas e máis traballar”, recoméndalle o PSdeG-PSOE ó PP e á consellería da Xunta responsable do mantemento dunha das principais avenidas da terceira cidade de Galicia. Tamén recordan que esta reforma, que aínda hoxe acumula numerosas queixas e protestas dos veciños e veciñas pola súa falta de ambición e polos remendos cos que foi executada, fixo que nas pasadas eleccións locais do mes de maio, os populares fosen a terceira forza máis votada neste barrio de Ourense. “O PP debería mellorar de inmediato o mantemento desta vía e tomar nota, dunha vez por todas, duns resultados nas urnas do barrio no que vive o exalcalde, que supuxeron unha sonora labazada a súa xestión e á da consellería que executou a obra”, conclúen.