Persoal do Concello de Allariz cooperará en Cabo Verde e Nicaragua

Unha técnica municipal apoiará os proxectos impulsados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en materia de igualdade e turismo.

ondacero.es

Ourense | 01.07.2014 09:05

allariz estela
allariz estela | Onda Cero

Unha técnica do Concello de Allariz desprazarase a Cabo Verde e Nicaragua para apoiar os proxectos de desenvolvemento impulsados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que ambas as dúas administracións locais son socias. A voluntaria ven de asistir a unha xornada de formación co fin de prepararse para a estadía, que terá lugar durante un mes despois do verán.

Estela Iglesias, técnica de Comunicación e Turismo de Allariz, apoiará a iniciativa de desenvolvemento turístico sustentable liderada pola ONGD nicaraguana Instituto de Promoción Humana-Somoto. A empregada municipal investirá o seu mes de vacacións compartindo os seus coñecementos técnicos cos parceiros no Sur.

No entanto, Vacacións con Traballo é sobre todo un programa de sensibilización no que as e os profesionais participantes intercambian experiencias, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. Ao tempo, supervisan as actuacións que o Fondo Galego cofinancia nos países empobrecidos e exploran novas vías de colaboración.Durante a estadía, compartirá as súas vivencias nun blog, mentres que á volta elaborará unha memoria e tomará parte en diferentes actividades de difusión.


Novena edición

Con esta novena edición de Vacacións con Traballo, que contou con sete candidaturas doutros tantos consistorios, serán 30 as empregadas e empregados municipais e provinciais que viviron esta experiencia.