En concreto, estase a desenvolver un curso de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, de organización e xestión de almacéns, de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, actividades de xestión administrativa e de confección e publicación de páxinas web; cun total de máis de 500 horas formativas dirixidos a 13 alumnos.
Manuel Pardo detallou que cada acción formativa, tal e como se contempla desde 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado, o que garante que a formación estea vinculada á realidade produtiva e permite ás empresas canalizar as súas necesidades concretas a través de centros acreditados de xeito áxil. Nesta liña, concretou que esta convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h), abrindo un escenario máis amplo e adaptado aos perfís e ás necesidades reais do mercado.
Así mesmo, sinalou que esta orde complétase con outras como Galicia Suma Talento: Emprégate, dotada de 19,7M€, que por primeira vez inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións formativas autonómicas como as AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego.
Para rematar, o delegado territorial fixo balance da convocatoria pasada 2025-2026, na que foron 12 as entidades na provincia ourensá que desenvolveron en total 33 accións formativas para persoas desempregadas, permitindo impartir na zona máis de 20.500 horas formativas para as que a Xunta concedeu case 2 millóns de euros en axudas.

