O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha reunión cos veciños da Peroxa para estudar a posibilidade de implantar a primeira fase dun polígono agroforestal neste concello. Esta figura, entre a súa primeira e segunda fase, abarcará tanto o concello da Peroxa como o de Carballedo, mobilizará unha superficie de máis de 25 hectáreas, distribuídas en 195 parcelas duns 49 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar este polígono a gandaría en extensivo.
Este futuro polígono sumaríase ao outro xa implantado neste concello, o de Mirallos, que conta con 44,52 hectáreas, divididas en 193 parcelas de 65 titulares, cuxo uso principal está dedicado tamén á gandaría en extensivo e que se atopa con acordo de inicio. Do mesmo xeito, tamén pasaría a formar parte dos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.
Neste sentido, o titular de Medio Rural lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, mediante a cal se recuperan grandes áreas de terra potenciando os tres usos de chan -agrícola, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.
Deste xeito, é unha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.