O conselleiro avanzou que proximamente se aprobarán as novas partidas anuais, para 2024, de apoio aos investimentos en explotacións -os coñecidos como plans de mellora-, as de incorporación de mozos ao rural e para a instalación de pequenas explotacións, cunha dotación total de 44 millóns de euros -o que supón máis de 5 millóns respecto a este ano-, co fin de seguir apostando polo sector que configura un dos piares básicos da economía galega.
Cabe sinalar que estas liñas se enmarcan dentro dos 83 millóns de euros incluídos nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 destinados a accións que permitan seguir afondando na remuda xeracional -con máis de 4.500 mozos incorporados ao sector primario dende 2009 a través destas axudas- e a competitividade do agro galego.
Compromiso co sector leiteiro
Sobre o sector leiteiro, José González quixo aproveitar a súa estadía en Curtis -un concello de clara vocación cara este sector, que produce anualmente máis de 45 millóns de litros de leite- para reiterar o compromiso da Xunta con este eido produtivo. Unha aposta que -salientou- se plasma na propia Estratexia de dinamización, que xa deu froitos como a aplicación informática Contaláctea, creada para que os gandeiros poidan calcular con precisión os seus custos de produción e, en consecuencia, saber a que prezo teñen que vender o seu leite para manter a rendibilidade das súas explotacións.
Así mesmo, entre outras medidas, recordou tamén o esforzo en materia de control do rendemento leiteiro, que se acaba de plasmar cunha achega, por parte da Xunta, de 750.000 euros en axudas para procurar unha maior eficiencia produtiva do sector e favorecer a súa sustentabilidade.
Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta en materia de consumo de produto de proximidade, seguindo a liña das políticas europeas e internacionais de fomento dos produtos de proximidade. Tal e como sinalou o conselleiro, estes produtos teñen unha gran importancia no desenvolvemento do rural, na medida en que favorecen a loita contra o cambio climático -pola súa baixa pegada de carbono- e acadan unha gran calidade, vinculada ao territorio e ao “saber facer” dos agricultores e gandeiros.
Lei da calidade alimentaria
Ademais, o conselleiro salientou a Lei da calidade alimentaria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento, como un elemento fundamental na aposta do Goberno galego a prol da calidade destas producións, e que contribuirá a terminar de consolidar nos diferentes mercados, e con todas as garantías para os consumidores, os produtos alimentarios producidos, elaborados e comercializados na nosa comunidade.
Nesta liña, González trasladou que esta norma desenvolve a vía da calidade como estratexia para competir nos diferentes mercados, desde os de proximidade ata os internacionais. Porque Galicia -engadiu o conselleiro-, con pequenas explotacións familiares, pequenas empresas e condicións naturais óptimas para a produción de alimentos de calidade, debe optar por esta vía.
Abundando nesta argumentación, o conselleiro sinalou que este texto legal pechará o marco de ordenación e normativo da Xunta para o rural galego, que permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a propia calidade. Este ciclo complétase coas leis de recuperación da terra agraria, en vigor desde 2021 e que e que favoreceu a mobilización de arredor de 10.000 hectáreas, e de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en tramitación. Tamén citou, nesta liña da planificación, o Plan Forestal de Galicia e as estratexias de dinamización da carne, o viño e o leite.