Ourense Provincia

A Xunta destina 1,5 M€ para conservación do Parque do Invernadoiro

Ángeles Vázquez incide na aposta do Goberno galego por poñer en valor a paisaxe, reordenar o fluxo de visitantes e garantir a protección dos valores deste espazo natural.

Óscar Gómez

Ourense | 05.12.2022 16:25

A Xunta destina 1,5 M€ para conservación do Parque do Invernadoiro
A Xunta destina 1,5 M€ para conservación do Parque do Invernadoiro | onda cero

A Xunta de Galicia destina preto de 1,5 millóns de euros a varias actuacións de conservación e mellora do Parque Natural do Invernadeiro, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou a este espazo protexido.

Algo máis de 1 millón de euros —o maior investimento realizado polo Goberno galego no Invernadeiro— destinarase a obras de rehabilitación enerxética das edificacións do complexo do Centro de recepción e interpretación do parque, no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep). Dado que se trata de edificacións de máis de 20 anos de antigüidade, cómpre levar a cabo unha serie de melloras para a redución de ata o 90% das emisións de CO2 e do 80% do consumo de enerxía primaria non renovable.

Nesa liña, está previsto intervir sobre catro inmobles do complexo cos seguintes obxectivos: mellorar o illamento térmico tanto interior como exterior; a instalación dun falso teito na planta baixa, de ventilación mecánica e de recuperadores de calor para mellorar a calefacción das edificacións; e a substitución de carpinterías, de paneis solares e da iluminación actual por unha enerxeticamente eficiente con LED.

Accións de protección e conservación

Por outra banda, a conselleira salientou que se destinan 400.000 euros a “impulsar accións de protección fronte a ameazas que poidan incidir na conservación e a perda de biodiversidade de hábitats e especies, como poden ser o cambio climático ou a proliferación de especies exóticas invasoras”.

Para contrarrestar eses riscos, a Xunta está a promover accións para a mellora de hábitats de matogueira, a restauración ecolóxica forestal a través de balsas de decantación para frear arrastres de sólidos e a realización de plantacións e sementeiras de vexetación autóctona. A maiores, créanse corredores ecolóxicos, recupéranse especies de hábitats de interese comunitario e auméntase a conectividade de ecosistemas eliminando a estrutura do antigo peche para gamos.

“Todo isto axudará a reducir os impactos negativos e mellorar a resiliencia do medio fronte ao cambio climático e as actividade humanas, permitindo asegurar a conservación deste espazo natural”, aseverou Ángeles Vázquez, quen tamén avanzou que, de cara ao ano 2023, está prevista a creación dun miradoiro do río Pequeno.

Ademais, co obxectivo de mellorar os servizos aos visitantes, ao longo de 2022 elaboráronse novos paneis informativos para a mellora da sinalización das rutas e áreas do parque e contratouse un servizo de atención ao público así como o desenvolvemento de campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sostible e de educación ambiental.

Para concluír, a conselleira fixo fincapé na aposta da Xunta por “poñer en valor a paisaxe, reordenar o fluxo de visitantes e garantir a protección dos recursos do Parque Natural do Invernadeiro”.