Ourense provincia

A Xunta adxudica por preto de 80.000€ os traballos de restauración do Santuario da Nosa Señora das Ermidas

Na última década, a Administración autonómica investiu máis de 300.000 euros neste BIC para resolver e reparar as patoloxías observadas no templo

Adriana Ochoa Arévalo

Ourense | 04.08.2020 09:45

Santuario da Nosa Señora das Ermidas
Santuario da Nosa Señora das Ermidas | Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vén de adxudicar os traballos de reparación do cabido no acceso ao santuario da Nosa Señora das Ermidas no concello do Bolo por preto de 80.000€. O templo ten a consideración de Ben de Interese Cultural e é un dos santuarios máis representativos da nosa Comunidade.

A actuación que terá un prazo de execución de dous meses, permitirá resolver e reparar as patoloxías observadas nos distintos elementos construtivos do soportal-lonxa. Deste xeito, solucionaranse os problemas de estanquidade existentes na cuberta de lousa, resolveranse os problemas de funcionalidade que se presentan na estrutura de madeira da cuberta, melloraranse as condicións de estabilidade das columnas de granito e eliminaranse os elementos construtivos existentes nos ocos do cabido para recuperar a súa funcionalidade e imaxe. Así mesmo, reorganizaranse e renovaranse as instalacións de iluminación existentes e acondicionaranse os paramentos interiores do cabido.

Estes aspectos resolveranse a través das actuacións recollidas no proxecto técnico que inclúe a substitución das vigas principais, secundarias e ripas de madeira de carballo existentes na cuberta por outras de maior sección e incorporar no deseño estrutural un tirante metálico; incrementar o solapamento de lousas de cuberta e incorporar unha lámina impermeable na cuberta para reforzar a súa estanquidade; eliminar o cerramento de cantería existente nos ocos do cabido e incorporar unha carpintería de aceiro inoxidable. A dotación dun sistema de iluminación LED para o cabido e traballos de limpeza, entre outros, completan as actuacións que se levarán a cabo.

O Santuario da Nosa Señora das Ermidas atópase situado entre os macizos das serras de Queixa, do Eixo e de San Mamede, nunha profunda garganta do río Bibei e próximo a unha das antigas rutas de penetración en Galicia, a Vía Romana de Astorga a Ourense, non lonxe do cruzamento coa Vía de Braga a Astorga. Goza dunha situación privilexiada, localizada nun anfiteatro natural que realza a súa arquitectura barroca.

Actuacións previas

Entre 2012 e 2014 a Xunta de Galicia desenvolveu un plan director do Santuario das Ermidas cun investimento de preto de 44.000 euros. Este documento recollía o estudo e conservación dos sistemas de contención de terras, cimentación e evacuación de augas e incidía especialmente nestes aspectos clave pola situación do conxunto sobre unha ladeira rochosa, o que condiciona a súa configuración.

Posteriormente, nos anos 2016 e 2017, o templo xa foi obxecto de mellora, neste caso, a través da reconstrución do muro derrubado do oliveiral e o seu contorno inmediato por un importe de 186.000 euros. Tratouse dunha obra de execución complexa na que se eliminou unha gran cantidade de material de recheo e entullos que se acumularon nas inmediación do templo e que comprometían a súa estabilidade. Deste xeito, melloráronse as condicións de conservación e mantemento dos terres e muros e remontouse o muro máis próximo ao adro. Estas actuacións, tendo en conta a nova adxudicación, superan os 300.000 euros investidos na última década.

Para poder realizar todas estas melloras, a Consellería de Cultura e Turismo asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Astorga para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa este santuario.