A Xunta abrirá o vindeiro día 13 de marzo o prazo para solicitar os avais para adquisición de vivenda. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou unha das vivendas adquiridas con axuda deste aval na cidade das Burgas e mantivo un encontro cos seus propietarios, unha parella con dous fillos. Neste caso, os beneficiarios, menores de 36 anos, adquiriron unha vivenda no centro histórico de Ourense.
a Xunta avala ata o 20% do prezo
Allegue puxo en valor estes avais no marco do compromiso da Xunta para favorecer o acceso á vivenda á mocidade. Sinalou que están destinados de xeito especial a facilitar aos menores de 36 anos a adquisición da súa primeira vivenda, e subliñou que a Xunta avala ata o 20% do prezo, de xeito que a hipoteca poida acadar o 100% do importe. Facilítase así a compra ás persoas mozas que dispoñen de recursos para o pago da hipoteca, pero carecen de aforros suficientes para facer fronte á porcentaxe que os bancos non financian.
Por outra banda, no caso de adquisición de vivenda protexida, non existe límite de idade para poder acceder a estes avais. Trala aprobación no Consello da Xunta o pasado luns 23, a convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 5 de marzo e o prazo abrirase oito días despois, ata o 30 de outubro.
Trátase da cuarta convocatoria do programa e a Xunta avalará ata un total de 5M€ e a conselleira destacou que desde a primeira, no 2023, concedéronse un total de 219 avais para adquisición de vivenda, avalando máis de 4M€. Allegue subliñou que os avais son compatibles coas outras liñas de axuda que ofrece o Goberno galego para adquisición de vivenda, cunha liña específica tamén para menores de 36 anos que vivan en concellos de menos de 10.000 habitantes, ademais das liñas para compra en cascos históricos e adquisición de vivenda protexida.
Neste senso, apuntou que a Xunta convocará proximamente estas dúas últimas liñas de axudas e indicou que no caso de compra en centros históricos, para menores de 36 anos a achega pode acadar os 12.800€, e no caso de Ourense que é Área Rexurbe, ata 15.000€. “Seguimos, polo tanto, axudando aos galegos na procura de vivenda, con especial énfase na mocidade”, indicou.
Requisitos
Poderán acceder a estes avais as persoas menores de 36 anos, con nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, no caso de estranxeiros, con autorización de estancia ou residencia en España, e ingresos entre 2 e 5,5 veces o Iprem, podendo incrementarse cando a adquisición se realice por máis dunha persoa. Nese caso o límite máximo dos ingresos conxuntos dos adquirentes poderá acadar 6,5 Iprem. O prezo máximo de adquisición da vivenda estará entre 180.000 e 260.000 euros, segundo o ámbito territorial do concello no que se emprace a mesma.
No caso de vivendas protexidas, o prezo máximo das mesmas será o establecido na cualificación definitiva.

