A escultura da vaca Popi, xunto coa bancada, que ocupa a zona central da praza Paz Nóvoa serán enviadas de novo ao taller de Leandro Sánchez, para a súa restauración.
A vaca, situada no centro da praza, é un atractivo para nenos e nenas, persoas mozas e mesmo maiores, que non poden evitar mangonear este elemento que, xunto as inclemencias meteorolóxicas, propias desta cidade, fai que se atope no seu estado actual de deterioro.
A restauración do conxunto artístico abrangue tanto a vaca Popi como a bancada central que, tras pasar polo taller de Leandro Sánchez lucirá “un aspecto máis novo”. As cores da vaca mudarán, adiantounos o autor, e a bancada, amais de ser pintada, será recuberta de fibra de vidro, para mellorar a súa capacidade de conservación.
Esta obra foi unha doazón da Fundación Cum Laude a cidade de Ourense. Está dedicada a súa xuventude, coa idea mostrarnos unha visión diferenciada e moderna. A vaca Popi volverá ao seu emprazamento habitual unha vez rematados os traballos de restauración, que poden durar arredor dun mes.