O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia asinan un convenio de colaboración para a realización de actividades de difusión e formación do programa “Navega con rumbo”, destinado á promoción do uso responsable das novas tecnoloxías entre o alumnado da comunidade educativa dentro da Estratexia de Educación Dixital 2030 da Administración autonómica. O acordo foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
“Navega con rumbo” é un programa encamiñado, por unha banda ao alumnado para guialos cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede, e por outra, para o profesorado e familias, facéndoos partícipes das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.
O CPEIG realizará xornadas divulgativas, destinadas a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) dos centros seleccionados. Organizaranse 240 xornadas, dunha hora de duración, durante o curso escolar 2021-2022. O Colexio elaborará unha Guía de Boas Prácticas en Internet para alumnado, profesorado e familias que estará dispoñible en soporte dixital e que se distribuirá, en formato impreso, nos centros educativos. A iniciativa conta tamén cunha web propia https://www.edu.xunta.gal/navegaconrumbo, onde está dispoñibles todo a información do proxecto.
1.800 accións en dez anos
Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con Rumbo leváronse a cabo máis de 1.800 accións formativas nas que participaron ao redor de 100 centros educativos en cada edición.