O Tren da Camelia en Flor abrirá o vindeiro mes de marzo a nova edición dos Trens Turísticos de Galicia, unha das propostas máis exitosas dos últimos anos posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren.
O Tren da Camelia en Flor terá saídas os días 9 e 23 de marzo e os billetes xa están dispoñibles para a súa compra a través das plataformas habituais, en calquera estación de Renfe, na súa web e en venta telefónica. Toda a información de prezos e venta pódese consultar xa na páxina web de Turismo de Galicia.
Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar. Tamén se visita o Castelo de Soutomaior, coñecendo o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bella Otero. Finalmente, o percorrido inclúe o Pazo de Rubians, que conta con máis de 800 variedades de camelias e unha finca de albariño, viño que se degustará ao rematar a visita.
14 rutas este ano
O Tren da Camelia en Flor é unha das 14 rutas que estarán en marcha este ano dentro da experiencia dos Trens Turísticos de Galicia que, neste caso comezarán a circular a partir de xuño, e inclúen itinerarios como a Ruta dos Faros; o Museo MEGA, a Ruta da Lamprea, a Ruta dos Mosteiros, a dos Queixos de Galicia, a das Mariñas ou as dos viños das cinco denominacións de orixe.
Como cada ano, cada unha das rutas poderase realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrece un servizo de guías oficiais de Galicia durante o percorrido, traslados complementarios en autocar e entradas aos puntos de interese.