Cabalgata de Reis

Os Reis Magos visitarán a cidade acompañados por 18 grupos de animación

Chegarán ás 17.30 á estación de tren e pasarán pola Avenida das Caldas (18 h), Progreso (18.30), e a Alameda (19 h), ata a Praza Maior, onde será a recepción e saúdo, sobre as 19.30 h.

Óscar Gómez

Ourense |

cabalgata de reis ourense
cabalgata de reis ourense | onda cero

Dezaoito grupos de animación acompañarán os Reis Magos no seu percorrido pola cidade na tradicional Cabalgata. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á estación de tren ás 17.30 horas e sobre as 18.00 horas iniciarán a súa ruta cara ao centro urbano, pasando pola Avenida das Caldas e a rúa do Progreso, con pasos previstos por Salesianos sobre as 18.30 h, e a Alameda ás 19.00 h, até a Praza Maior, onde terá lugar a recepción e o saúdo as nenas e os nenos en torno ás 19.30 horas. Ao seu paso, os reis e a súa comitiva repartirán 6.000 kilos de caramelos sen gluten nin lactosa.

A cabalgata estará precedida por charangas que se encargarán de animar o ambiente nas rúas polas que pasarán os Reis Magos, coa finalidade de faceren máis amena a espera para o público asistente. Unha das novidades deste ano é que o público poderá coñecer en cada momento en que lugar da ruta se atopan as Súas Maxestades. No web do Concello estará dispoñible unha nova aplicación de xeolocalización na que, sobre un mapa da cidade, se verá en cada momento onde está comitiva

O público poderá presenciar o espectáculo desde calquera das zonas próximas ao traxecto, coa excepción da Ponte Vella e da rúa Doutor Marañón onde, por motivos de seguridade e organización, non se permitirá a presenza de espectadores. Tamén por seguridade, haberá control de afluencia de público na Praza Maior.

A organización acondicionará 3 puntos reservados para persoas con mobilidade reducida, con 3 metros de altura, sinalizados cunha bandeirola branca e azul. Estarán na explanada da estación de tren, nos edificio antigo dos xulgados e na Praza do Bispo Cesáreo, xunto á parada do autobús

Dispositivo de tráfico

O desenvolvemento da Cabalgata requirirá levar a cabo varios cortes de tráfico

1. Ás 15.30 horas procederase ao corte de:

Avenida das Caldas,

Eulogio Gomez Franqueira desde San Pedro Mezonzo ata a Avenida de Marín, e na glorieta de Vicente Risco.

Xesús Pousa con San Rosendo e San Froilán

Basilio Álvarez, á altura da glorieta da Ponte do Milenio en dirección á Avenida das Caldas

Avenida de Santiago: desvío de tráfico por Rey Soto.

Rúa Francisca Herrera, en dirección á Avenida de Santiago

O Ribeiriño: corte de tráfico desde José Antonio Moretón

A Ribeira de Canedo: corte desde a glorieta da Ponte Nova

2. Ás 16.30 horas procederase ao corte do resto do circuíto.

O tráfico procedente de Pardo de Cela desviarase en dirección á Ponte do Milenio e o procedente da Avenida da Habana, Sáenz Díez-Samuel Eiján, cara a Curros Enriquez.

Córtase o acceso a Xoán XXIII á altura da intersección coa rúa Concello.

Na Avenida de Zamora en dirección centro, córtase o acceso de vehículos á altura do Xardín do Posío, e o tráfico desviarase cara a Marcelo Macías e viceversa (o tráfico procedente de Marcelo Macías cara á Avenida de Zamora)

O itinerario para acceder a urxencias do PAC – Punto de Atención Continuada da rúa Concello será pola Avenida da Habana e a rúa Concello.

Noite de Reis

Despois da Cabalgata, continuará o corte de tráfico na rúa do Progreso desde o Xardín do Posío ata o cruzamento coa rúa da Concordia, até que remate a actuación da Gramola, na rúa do Progreso a partir das 0.30 horas.