Concello de ourense

O Psoe empraza o bigoberno a solicitar fondos europeos para impulsar o bulevar termal

Os socialistas destacan que o bulevar termal transformará a actual vía rápida que transcorre paralela ao río Miño entre Eirasvedras e antiga estación de autobuses nun gran paseo axardinado

Óscar Gómez

Ourense | 10.09.2021 11:00

O Psoe empraza o bigoberno a solicitar fondos europeos para impulsar o bulevar termal
O Psoe empraza o bigoberno a solicitar fondos europeos para impulsar o bulevar termal | onda cero ourense

O PSdeG-PSOE de Ourenseempraza ao bigoberno de PP e DO a solicitar fondos vencellados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do programa Next Generation da Unión Europea co fin de impulsar o desenvolvemento do proxecto de construción do bulevar termal da cidade. A iniciativa socialista chega despois de que este martes o executivo de Pedro Sánchez dese luz verde á licitación da variante norte, unha peza clave sen a cal non sería posible acometer esta infraestrutura estratéxica para o futuro de Ourense e dos seus activos termais.

“O Goberno central vén de impulsar definitivamente a variante norte de Ourense, tralo desprezo ao que esta obra de vital importancia para a terceira cidade de Galicia foi sometida polos executivos do PP” sinalan os socialistas de Ourense, ao tempo que destacan que, trala súa execución, será posible liberar o trazado da N-120 desde o acceso norte á A-52, con fin de converter esta estrada no ansiado bulevar deseñado polo último goberno socialista da capital.

Os socialistas ourensáns defenden que o bulevar termal permitiría transformar a actual vía rápida que transcorre paralela ao río Miño entre Eirasvedras e antiga estación de autobuses nun gran paseo peonil axardinado con espazo para o tránsito de bicicletas; novos parques e zonas de lecer; estacionamentos para dar servizo ás termas e un espazo con acceso limitado para turismos.

“Dende o PSdeG-PSOE de Ourense estamos a traballar activamente para que facer realidade este gran proxecto, que mudará por completo as beiras do río Miño e que dará un pulo importantísimo á oferta termal da terceira cidade de Galicia”, manifestan os socialistas, ao tempo que solicitan que o Concello “faga os deberes” a fin de garantir a capacidade de financiación para as obras.

“Non hai tempo que perder. O último goberno socialista da cidade deixou aprobado en 2013 un anteproxecto, do cal ten coñecemento o Mitma, polo que non hai escusa para non traballar sobre unha obra clave que transformará os accesos a Ourense, a ribeira do río Miño e a área termal da cidade”.