Infraestructuras

O Psoe denuncia o "abandono" e "desleixo" de Baltar á veciñanza de San Vicente de Leira

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, esíxelle ao goberno provincial que “se deixen de trapalladas e escusas e se poñan a buscar solucións a un problema que levamos padecendo durante 30 anos”

Óscar Gómez

Ourense | 07.07.2022 08:15

O Psoe denuncia o "abandono" e "desleixo" de Baltar á veciñanza de San Vicente de Leira
O Psoe denuncia o "abandono" e "desleixo" de Baltar á veciñanza de San Vicente de Leira | onda cero

O grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense desprazouse ata San Vicente de Leira para corroborar en primeira persoa a situación de “abandono” e “desleixo” que vive a veciñanza desta aldea do municipio de Vilamartín de Valdeorras por parte de Manuel Baltar e a Deputación de Ourense. Unha veciñanza que quedou illada, despois do derrubamento da estrada OU-0807, acceso principal deste núcleo de poboación e que provoca que teñan que dar un rodeo de preto de 4 quilómetros por unha pista municipal para poder acceder a dita poboación.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense esíxenlle ao goberno provincial do Partido Popular e Democracia Ourensana solucións “urxentes” para unha vía de comunicación de titularidade provincial. Os e as socialistas consideran que os problemas de accesibilidade e seguridade da veciñanza “deberían estar en marcha dende hai xa moito tempo”. Neste senso lembran que a xestión e conservación desta vía “é responsabilidade exclusiva da Deputación” e ante esta situación claman contra a “desidia” dos gobernos provinciais de José Luís e Manuel Baltar que segundo afirman “levan máis de 30 anos ignorando a problemática da veciñanza, marxinando por completo a centos de veciños e veciñas de San Vicente de Leira”.

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, o socialista, Enrique Álvarez Barreiro, afirma que a situación chegou a un punto “límite”, despois do desprendemento total da estrada fai xa 4 meses. Neste senso destaca que “xa hai 3 meses que denunciamos a situación ante á Deputación de Ourense, que se comprometeu a responder no prazo dunha semana, pero seguimos agardando solucións”. O rexedor destaca tamén que “agardamos que se vaia estabilizando a poza da auga e que non provoque outra avalancha de auga como a sucedida fai uns meses e que provocou danos no outro acceso a San Vicente”. Neste senso, salienta que “se se retiran as augas e se empeza coa estabilización do recheo dende ese punto, que é o compromiso que adquiriron por parte do ente provincial, e se arranxa a estrada e tamén o outro acceso danado pola auga, entón poden que nos sorprendan”.

non hai escusas a estas alturas da situación para non darlle solución a un problema que a veciñanza leva padecendo durante 30 anos

Álvarez Barreiro esíxelle a Manuel Baltar e o goberno provincial que “se deixen de trapalladas e escusas e se poñan a buscar solucións a un problema que levamos padecendo durante 30 anos”. O alcalde de Vilamartín de Valdeorras tamén fai fincapé na necesidade de que o goberno provincial “se poña as pilas e teñan a decencia de informar á veciñanza da situación que se está a vivir”. Neste senso tamén manifesta que “queren tapar cunha carretilla de formigón, un problema que é moito maior, polo que lle esiximos que se deixen de trapalladas e fagan o que teñen que facer”.

Pola súa banda, o deputado provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Aurentino Alonso, sinala que “non hai escusas a estas alturas da situación para non darlle solución a un problema que a veciñanza leva padecendo durante 30 anos”. O deputado socialista tamén apunta que ata agora “a escusa era que non había terreos e que estaba sen rematar o proceso de expropiación, que xa se rematou e tamén se redactou o proxecto, ademais de que xa coñecemos o custo da obra e incluso as alternativas existentes consensuadas cunha canteira local, polo que consideramos que non hai escusa para que San Vicente non vexa a luz ao final do túnel”.

Alonso tamén pon o foco en que a Deputación de Ourense “ten que axudar e non pór trabas nas rodas, xa que é un servizo provincial e polo tanto correspóndelle o ente provincial dar solucións a esta situación”. O deputado provincial tamén amosa o “malestar” da veciñanza pola estado da estrada de acceso provisional o núcleo de poboación na que segundo manifesta “as medidas de seguridade son moi escasas ou nulas nalgúns tramos, polo que consideramos que esa vía alternativa ten que ter unhas mellores condicións de seguridade e accesibilidade para que a veciñanza poida entrar e saír de San Vicente, namentres non se soluciona de forma definitiva o problema”.

Os e as socialistas lembran tamén que hai un proxecto de 13 millóns de euros, que segundo apuntan “ata o de agora serviulle de escusa a Deputación para non executar o arranxo da estrada”. Neste senso, o alcalde de Vilamartín esíxelle a Manuel Baltar e o seu equipo que “deixen de agocharse baixo esa escusa, xa que saben que hai unha pizarreira que está disposta a facer o recheo e o trazado por riba dese recheo” e tamén apunta a que “senón son quen de solucionalo, que nos pasen a nós o problema, xa que pola metade de cartos, concretamente por 4 millóns de euros, podemos dar solucións”.