Ourense Cidade

O Psoe censura que a obra de Cocordia "é a guinda do despilfarro do alcalde"

Esixen acceso urxente ao modificado de proxecto, feito “á marxe do proceso de contratación” e que se está a levar a cabo directamente sobre a obra sen ter pasado antes pola Xunta de Goberno Local.

Óscar Gómez

Ourense | 16.03.2023 08:04

O Psoe censura que a obra de Cocordia "é a guinda do despilfarro do alcalde"
O Psoe censura que a obra de Cocordia "é a guinda do despilfarro do alcalde" | onda cero

O PSdeG-PSOE acusa ao alcalde de Ourense de “tentar agochar o sobrecuste da obra de rúa Concordia”, logo de que o rexedor tivese que admitir ante os medios de comunicación o incremento de medio millón de euros máis IVE na instalación das ramplas mecánicas da rúa onde ten o seu negocio, confirmando así as numerosas advertencias dos socialistas ourensáns sobre a elevada contía do modificado do proxecto, que representa “a guinda do despilfarro de cartos públicos por parte de Jácome”.

“Agradecemos que o alcalde recoñeza que tiñamos razón logo de tentar desmentir en numerosas ocasións a contía de 700.000 euros destapada polo grupo socialista” subliña a voceira socialista, Natalia González, ao tempo que engade que “a Jácome non lle quedou máis remedio que recuar e emendarse a si mesmo, confirmando as nosas advertencias sobre un proxecto inzado de retrasos, sobrecustes e irregularidades dende o minuto un”.

Dende o grupo socialista lembran que xa no pasado mes de xaneiro alertaron dun modificado na obra da rúa Concordia que podería elevar nun 20 % o gasto orixinalmente previsto para este proxecto, soterrando 5 millóns de euros das arcas públicas na instalación de aparellos mecánicos “totalmente innecesarios e que non sabemos con certeza se imos poder manter”, e retrasando aínda máis a data de finalización das obras nesta céntrica rúa da cidade.

“Ao elevado custe inicialmente previsto para esta obra cómpre sumar un modificado que puxo en evidencia que o proxecto orixinal era unha chapuza, posto que se obviaron cuestións básicas como a instalación do colector de saneamento ou o acceso ás vivendas, co consecuente incremento de preto de 700.000 euros no gasto total da obra”, salientan.

O Psoe censura que a obra de Cocordia "é a guinda do despilfarro do alcalde"
O Psoe censura que a obra de Cocordia "é a guinda do despilfarro do alcalde" | onda cero

Acceso á documentación

Así as cousas, os socialistas esixen acceso urxente ao modificado de proxecto, feito “á marxe do proceso de contratación” e que se está a levar a cabo directamente sobre a obra sen ter pasado antes pola Xunta de Goberno Local, ao tempo que advirten que “continuarán exercendo o seu labor oposición de xeito responsable, fiscalizando e denunciando as praxes irregulares do goberno local, malia os constantes intentos de Jácome por impedir que a verdade saia á luz”.