Ourense Provincia

Presentación das bolsas INOU 2023

Aberta a convocatoria das bolsas INOU 2023, destinadas ao apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense co patrocinio da Deputación.

Óscar Gómez

Ourense | 07.03.2023 09:02

Presentación das bolsas INOU 2023
Presentación das bolsas INOU 2023 | onda cero

O Edificio de Ferro do Campus de Ourense acolleu a presentación da convocatoria das bolsas INOU 2023, un programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense froito da colaboración entre a Deputación e a UVigo. Ademais, tamén se mostrou unha nova publicación electrónica na que se recollen os resultados dos traballos financiados en 2021 ao abeiro destas axudas. O acto de presentación contou con César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación; Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; e Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo.

César Fernández destacou que “hai por parte da Deputación un compromiso estratéxico coa Universidade, neste caso co campus de Ourense, e estas bolsas Inou forman parte dese compromiso firme, decidido, que nestes tempos está aumentando por parte da institución provincial”. O vicepresidente segundo do goberno provincial tamén quixo salientar a importancia destas bolsas porque financian "proxectos que están pensados para a provincia, que dalgún xeito nos permiten coñecer un pouco máis cal é a realidade social, científica e económica da provincia, pero tamén desenvolver estratexias para construír o Ourense do futuro en base ao coñecemento”.

Pola súa parte, Elena Rivo agradeceu á Deputación de Ourense o seu “apoio e xenerosidade”, lembrando que esta convocatoria está financiada ao abeiro do convenio que se asina anualmente coa institución provincial para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. O lanzamento da edición 2023 destas axudas, indicou, “coincide co peche do desenvolvemento dos traballo financiados en 2022 e coa publicación dos resultados dos proxectos gañadores en 2021”.

Finalmente, Belén Rubio destacou que a convocatoria Inou-Campus Auga quere contribuír desde a investigación “á prosperidade de Ourense” e dar impulso ao proxecto de especialización Campus Auga, recalcando como Ourense conta cun campus “moi dinámico e “cunha investigación moi potente”. Como novidade este ano, a vicerreitora indicou que se muda de anteriores convocatorias o enfoque de financiar proxectos con varios subproxectos a outro no que a se aposta por pensar un obxectivo común e que sexa abordado desde diferentes puntos de vista, resolver un problema desde distintos ámbitos de coñecemento.

Bolsas INOU-Campus Auga

Esta nova edición da convocatoria de axudas INOU-Campus Auga encádrase no marco de colaboración estreita que manteñen a Deputación e a Universidade de Vigo, e que se plasma anualmente coa sinatura dun convenio de cooperación que recolle un amplo catálogo de actividades para a comunidade universitaria, destacando entre elas estas bolsas INOU. O programa de axudas verá incrementado o seu orzamento este ano, pasando dos 47.000 euros aos 59.000 euros.

A pasada convocatoria financiou seis proxectos de diversas áreas de coñecemento, centrándose en campos de estudo como a produción alimentaria sostible, a transformación dixital e a aplicación das novas tecnoloxías no eido empresarial, a análise e xestión dos recursos hídricos da provincia, o emprego da intelixencia artificial no medio ambiente, ou o estudo das habilidades expresivas con aplicación ao rendemento educativo e deportivo.

Esta convocatoria pretende impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense así como servir de apoio ao persoal investigador novo na posta en marcha dos seus proxectos, con especial énfase na redución da fenda de xénero na investigación. Por outra banda, nesta edición ponse o foco na multidisciplinariedade. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 24 de marzo.

Por último, no acto de presentación tamén se mostrou unha publicación electrónica de acceso libre que recolle os traballos realizados ao abeiro desta convocatoria INOU no ano 2021. Os traballos recollidos centráronse na análise da oferta turística da provincia, o risco alérxico da poboación, a evolución do uso dos videoxogos por parte da mocidade ourensá, as necesidades nos colexios rurais, e unha aproximación á represión económica na provincia de Ourense durante a ditadura.