Universidade

Pontón propón aumentar o financiamento da universidade até o 1,5% do PIB

Fronte á discriminación do Goberno de Rueda, pide máis ambición para a cidade de Ourense e defende o soterramento da avenida Otero Pedrayo.

Onda Cero Ourense

Ourense |

reunión Ana Pontón campus Ourense
reunión Ana Pontón campus Ourense | onda cero

Pontón subliñou que co incremento financeiro que defende o BNG, daríanselle ao campus universitario de Ourense “oportunidades para que poida medrar, tanto no número de titulacións que imparte, como tamén en todo o que ten que ver coa investigación e a relación co tecido socioeconómico” ourensán, o que considerou clave para o futuro.

A portavoz nacional alegou que se impulsar o ensino universitario é “estratéxico” para o conxunto do País, esta definición cobra aínda máis sentido cando se trata de Ourense. “O campus é un activo para Ourense desde o punto de vista da dinamización económica, social e cultural”, recalcou, para reivindicar a continuación a súa potencialidade como “polo de crecemento” da cidade.

Por iso, e ademais do aumento do financiamento universitario, reclamou ao Goberno do PP que cumpra a lei e deixe de conceder privilexios a universidades privadas que están fóra do que permite a lexislación vixente, como está facendo neste momento coa autorización de titulacións que xa existen na pública.

“Vemos como se están autorizando títulos en Dereito ou Enfermería que, por exemplo, xa existen no campus de Ourense”, advertiu para exemplificar o incumprimento da lei ao duplicar titulacións que xa existen na universidade pública, algo que “en teoría, estaba prohibido pola lei”.

Pontón tamén se referiu a unha terceira cuestión, xa máis específica do campus ourensán, e que o BNG quere impulsar se ten responsabilidades de goberno no concello no próximo mandato. Trátase do soterramento da avenida Otero Pedrayo, un proxecto que para a organización nacionalista suporía non só un “cambio substancial no modelo de cidade”, senón que tamén abriría novas oportunidades para o campus.

Un proxecto, recordou, que no seu momento tivo todo o apoio da comunidade universitaria, pero que, sen embargo, “o único que fixo o Partido Popular foi un lavado de cara desta vía”. “Unha actuación low cost e sen ambición”, sintetizou.

Fronte á discriminación e abandono do Executivo de Alfonso Rueda, a líder nacionalista pediu máis ambición coa cidade. “Ourense merece máis e imos apostar porque se poida levar adiante este proxecto de soterramento da avenida Otero Pedrayo”, recalcou sobre unha actuación que permitiría, por unha banda, conectar o campus coa cidade e, por outra, revalorizar un novo modelo urbano gañando máis espazo público para as persoas fronte aos vehículos.