Axentes da Policía Autonómica de Ourense esclareceron un incendio forestal ocorrido no concello de Ourense.
Os axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Xefatura de Ourense procederon a tomar declaración a un varón, como presunto autor dun incendio rexistrado o pasado 18 de xullo en Canibelos, do municipio de Ourense.
O lume afectou a 52,10 hectáreas, 24,10 delas de monte raso e as 28 restantes de superficie arborada. O incendio orixinouse debido a unha toma ilegal á rede eléctrica realizada polo investigado cun cable do que parte discorría entre a maleza e varios metros semisoterrado no chan.
Debido a que as lapas estiveron preto das vivendas tanto do lugar de Canibelos como do de Sabadelle, este último do concello de O Pereiro de Aguiar, para a súa extinción mobilizouse a un técnico, 19 axentes forestais, 32 motobombas, 50 brigadas e 19 medios aéreos.
As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao xulgado de Instrución de Garda de Ourense.
No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 41 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.