Turismo

Nova edicción dos "Trens Turisticos de Galicia"

O Inorde, a Xunta de Galicia e Renfe poñen en marcha unha nova edición deste programa, que ofrece un total de trece rutas para coñecer os recursos turísticos da Comunidade.

Óscar Gómez

Ourense | 10.06.2022 08:15

Nova edicción dos "Trens Turisticos de Galicia"
Nova edicción dos "Trens Turisticos de Galicia" | onda cero

Comeza unha nova campaña dos “Trens Turísticos de Galicia” que este ano chega á novena edición cun total de trece rutas que ofrecen aos viaxeiros a posibilidade de coñecer os diferentes recursos turísticos da Comunidade a través dunha proposta sostible e planificada.

Esta iniciativa turística, posta en marcha desde o ano 2013 por Inorde, Renfe e Turismo de Galicia, permitirá aos viaxeiros coñecer “a nosa provincia desde a perspectiva do tren, recorrendo enclaves naturais, enogastronómicos, patrimoniais e culturais de referencia no noso territorio, e sempre acompañados durante todo o traxecto por un guía especializado”, dixo Rosendo Fernández, quen reivindicou que un ano máis “Ourense volve a ter un gran peso nesta iniciativa, ao saír 5 das 13 rutas da nosa provincia”. A encargada de inaugurar esta edición de feito foi a ruta do viño da Ribeira Sacra polo río Sil, que tivo lugar o pasado sábado.

En canto ás cifras xa rexistradas desta edición, a día de hoxe xa se venderon o 26,1% das prazas ofertadas das 2.697 totais sumando as que hai nas 13 rutas, e o 73,2% das prazas das rutas que se desenvolven en xuño xa están cubertas, cando soamente saíu un dos cinco trens programados para este mes.

Trens Turisticos de Galicia
Trens Turisticos de Galicia | onda cero

Rutas con saída desde Ourense

O presidente do Inorde explicou os itinerarios con saída de Ourense” “que se teñen convertido nun dos produtos turísticos con maior demanda durante a tempada estival, que se prolonga ata outubro”. Esta edición comezou o pasado sábado, 4 de xuño, coa ruta do viño da Ribeira Sacra polo río Sil que leva aos viaxeiros a bordo do tren motorizado “Aba Sacra” ata a bodega Regina Viarum. Para empaparse da viticultura heroica desta Denominación de Orixe, visitarán o Centro de Interpretación do Viño e, posteriormente, realizarán un percorrido en catamarán polo Sil. Esta ruta rematará coa degustación dunha queimada no Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. Para todos aqueles que non chegaron a tempo para gozar este pasado sábado, teñen a oportunidade de embarcarse nesta ruta os días 2 de xullo, 6 de agosto, 3 e 17 de setembro e o 1 de outubro. Tamén se oferta outra ruta do viño da Ribeira Sacra pero polo río Miño con saída os días 18 de xuño, 30 de xullo, 10 de setembro e 8 de outubro.

coñecer a nosa provincia é a través da ruta dos viños

Outra das oportunidades que ofrecen os “Trens Turísticos de Galicia” para coñecer a nosa provincia é a través da ruta dos viños do Ribeiro – Rías Baixas, dous territorios con Denominación de Orixe. Durante a travesía, poderase degustar un viño na adega Señorío de Rubiós e coñecer o encanto medieval de Ribadavia e o seu castelo. Pola tarde continuarán a visita no Museo do Viño de Galicia, na comarca do Ribeiro e achegaranse ao castro de San Cibrao de Las. Por último, rematarán a súa viaxe parando na estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, onde o Inorde ten o museo do automóbil e o do traxe galego. Para esta ruta só hai unha saída que será o día 9 de xullo.

A ruta do viño de Monterrei levará aos viaxeiros a descubrir esta Denominación de Orixe degustando os seus viños no Castelo e visitando a adega Gargalo. Posteriormente, trasladaranse a Verín para coñecer o seu barrio antigo e pasearán pola vila de Allariz e o seu Festival Internacional de Xardíns. Antes de rematar a viaxe, farán unha visita á estación de tren de Baños de Molgas, onde o Inorde ten o museo adicado ao artista Moncho Borrajo. As saídas para esta ruta serán os días 23 de xullo e 20 de agosto.

E, a ruta dos viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras que os levará a coñecer as paraxes desas dúas Denominacións de Orixe Vitivinícolas. Embarcarán nun catamarán para ir ata o Mosteiro de Santo Estevo, continuando a visita ata o Concello do Bolo onde se mergullarán no barroco galego da man do santuario das Ermitas. Posteriormente, degustarán un viño da D.O. de Valdeorras na adega da Rúa A Coroa e finalizará na estación de tren dos Peares no Museo do ferrocarril. As saídas destas rutas son o 27 de agosto e o 24 de setembro.

A reserva e a compra dos billetes para poder participar nalgunha das rutas poderá realizarse nos despachos de calquera estación de Renfe ou na páxina web www.renfe.es, por un prezo de 45 euros para adultos e de 20 euros para os nenos de 3 a 13 anos. Haberá un desconto do 15% para os grupos de 10 ou máis adultos. Ademais, o prezo das rutas por Ourense tamén inclúe a viaxe en tren desde as estacións de Santiago de Compostela e Vigo a Ourense.