Medio Ambiente

Menor destaca a “oportunidade histórica” da Ribeira Sacra coa candidatura á Unesco

O presidente provincial participou na inauguración do “Encontro de Sober”, foro que pon e dialogo ao rural e a industria como claves de futuro para Galicia.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Menor destaca a “oportunidade histórica” da Ribeira Sacra coa candidatura á Unesco
Menor destaca a “oportunidade histórica” da Ribeira Sacra coa candidatura á Unesco | Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reivindicou o papel estratéxico do rural como motor de desenvolvemento económico, social e territorial durante a inauguración de “O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria”, un foro que reúne a representantes institucionais, empresariais e académicos para analizar os retos e oportunidades do territorio.

Na súa intervención, Menor destacou que este encontro “pon en valor algo esencial para Galicia: a capacidade de conectar o rural coa industria, a tradición coa innovación e o arraigo co futuro”, nun contexto no que, segundo sinalou, “o rural non é un problema que haxa que resolver, senón unha oportunidade que hai que activar”.

O presidente provincial situou a provincia de Ourense como exemplo desa realidade, cun modelo baseado na fortaleza do sector primario, a industria agroalimentaria, o turismo sostible e a innovación vinculada aos recursos naturais, “elementos que forman parte dun mesmo ecosistema que precisa máis cooperación e visión compartida”.

A Ribeira Sacra, ante unha oportunidade histórica

Luis Menor fixo tamén unha referencia especial ao escenario no que se celebra o encontro, subliñando a “oportunidade histórica” que supón a posible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. “Non é só un recoñecemento ao seu valor paisaxístico, cultural e patrimonial, senón unha oportunidade para demostrar que o rural pode ser excelencia, marca internacional e motor de desenvolvemento sostible”, afirmou.

Neste sentido, advertiu de que este recoñecemento “tamén nos obriga a estar á altura, a protexer o que somos e a xestionar ese crecemento con responsabilidade”.