Covid-19

Máis de 1.100 persoas foron identificadas nos controis de medidas ante a Covid-19 neste fin de semana

Leváronse a cabo 112 dispositivos que tiveron como resultado 38 denuncias no marco do plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19

Óscar Gómez

Ourense | 12.01.2021 08:06

Máis de 1.100 persoas foron identificadas nos controis de medidas ante a Covid-19 neste fin de semana
Máis de 1.100 persoas foron identificadas nos controis de medidas ante a Covid-19 neste fin de semana | La Voz de Galicia

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo a pasada fin de semana un total de 112 dispositivos en 44 concellos galegos , no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, nos que foron tramitadas un total de 38 denuncias.

Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron na provincia de A Coruña, 37 dispositivos nos concellos de Arteixo, Betanzos, Boiro, Cambre, Coirós, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Rianxo, Santiago de Compostela e Val do Dubra, cun total de 164 identificacións e 35 denuncias.

Na provincia de Lugo, identificáronse 9 persoas en 13 dispositivos levados a cabo nos concellos de Castro de Rei, Friol, Lugo e A Pobra do Brollón. No caso de Ourense, rexistráronse 425 identificacións e 3 denuncias en 40 operativos nos municipios de Allariz, A Arnoia, Barbadás, Beariz, Carballeda de Avia, O Carballiño, Coles, Entrimo, Gomesende, Maside, Ourense, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Ramirás, Verín, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia.

E na provincia de Pontevedra, os 22 dispositivos levados a cabo do 8 ao 10 de xaneiro en Baiona, Bueu, Cambados, O Grove, Marín, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo, con 544 persoas identificadas.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón. Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.