O representante de Cultura do Goberno galego considerou “máis que axeitada” a decisión do Ministerio de Cultura de escoller a Ribeira Sacra para organizar este foro con representantes dos 40 países asinantes do Convenio da Paisaxes, “como un xeito de pór en valor e impulsar a candidatura, á vez que como exemplo paradigmático deses espazos onde a auga ten modelado a xeografía, a cultura e as formas de vida”.
Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o titular de Cultura da Xunta tirou proveito na súa intervención para incidir nos “atributos excepcionais” deste territorio, que abrangue 26 municipios de Ourense e Lugo, “construídos e esculpidos ao redor do uso da auga”. Ao respecto, fixo fincapé en que esta “importante singularidade” non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial, “o que supón un elemento que nos favorece e unha baza esencial que tivemos en conta na nosa estratexia”, aseverou.

Neste senso, salientou no “carácter único” da Ribeira Sacra, no que puxo o foco “na espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.
Deste xeito, López Campos insistiu en que estas características fan que este territorio conforme un patrimonio “singular, que supón un orgullo compartido e que se integra dentro dos valores da Galicia calidade que tanto e tan ben nos representa dentro e fóra das nosas fronteiras”.

