Fitur

Jácome lamenta o escaso protagonismo outorgado pola Xunta de Galicia a Ourense

“É triste que o ano da chegada do AVE a Galicia, o leitmotiv do stand da Xunta fose outra vez Santiago de Compostela”, asegura Pérez Jácome.

Óscar Gómez

Ourense | 21.01.2022 12:47

O alcalde presenta Ourense como destino turístico nesta edición de Fitur
O alcalde presenta Ourense como destino turístico nesta edición de Fitur | 20 minutos

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome lamentou o escaso protagonismo outorgado á chegada do AVE á cidade de Ourense por parte da Xunta de Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022 que se desenvolve en Madrid. Pérez Jácome considera “intolerable” que a Xunta non fixese fincapé nun feito diferencial e histórico, como é a entrada en servizo desta nova infrestrutura, que deixa a cidade a pouco máis de 2 horas de Madrid, como primeira e única parada do AVE en Galicia.

“É triste que o ano da chegada do AVE a Galicia, o leitmotiv do stand da Xunta de Galicia en Fitur fose outra vez Santiago de Compostela”, asegurou Pérez Jácome, quen discrepa de que no expositor da comunidade autónoma na feira de turismo, non houbese “practicamente ningunha mención da chegada do tren de alta velocidade”.

A este respecto, explica o rexedor: “paréceme inaudito e intolerable que a Xunta de Galicia cando monta un stand en Fitur para promocionar Galicia non faga ningunha reseña ou notoriedade especial á chegada do AVE, e o que isto supón para Ourense. Séguese centrando no Xacobeo, no Camiño de Santiago e en Compostela. É dicir, todo para os máis ricos”, lamenta Pérez Jácome, quen conclúe que “sentimos unha discriminación absoluta da Xunta de Galicia”

Gonzalo Jácome participou onte na presentación da oferta turística da cidade en Fitur, poñendo en valor Ourense como “a escapada galega”, para aproveitar o novo escenario que abre o AVE para Ourense como destino turístico, apoiado en recursos como a gastronomía, o Entroido, o patrimonio histórico artístico. “Ourense é a cidade sorpresa. Non é a cidade máis famosa, pero sí a que máis sorprende, e o AVE é a nosa grande oportunidade”, asegurou.