O Inorde organizou o showcooking “Ourense provincia enogastronómica e sostible”, no marco do Salón Gourmets 2023. Os protagonistas deste obradoiro foron os produtos autóctonos das 13 microempresas ourensás que están a participar man a man do Inorde nesta feira de referencia para o sector. Deste xeito, dous cociñeiros da “Cociña Ourense”, comprometidos cos produtos locais, como Gerson Iglesias e Begoña Vázquez, elaboraron diferentes pratos a través dos que amosaron unha cociña auténtica e de raíz. O encargado de presentar os viños ourensáns que maridaron o obradoiro foi Alejandro Paadín, autor da guía Viños de Galicia e divulgador gastronómico.
Os pratos que prepararon no show cooking foron: empanada fría-quente de “Shiitake Trives” acompañada de “viño Shia”; canelóns de caña de “A Vaquería”, bechamel de mel de castañas de “Melsacra” e castañas de Galicia, acompañados de viño Rock&Roll de “Viños con personalidade-Viños da Guarda de Galicia”; Tartar de pato de “Ánades Galicia” e xeado de mango picante de “La Central Heladera” con pan IGP de Cea acompañado de viño branco da adega “O Cotarelo”; verduras cedidas pola “Cooperativa Postoiro” maridadas co viño Alejandrus da adega “Antonio Montero”; e mousse de queixo de cabra con castañas e mel de “Gaia Gourmet” e mel con migas de “Burganas Delicatessen” acompañado de vermú ecolóxico de “Adegas Celme”.
O obradoiro conseguiu atraer a cincuenta profesionais do sector interesados en coñecer a oferta de produtos de alta gama da provincia de Ourense, así como a prensa especializada e bloggers gastronómicos. Ademais, outros moitos puideron seguir o showcooking en directo a través da canle Salón Gourmets, plataforma na que aínda está dispoñible o vídeo.
“Con estas accións, a Deputación de Ourense a través do Inorde, ofrece non só unha plataforma de promoción aos pequenos produtores ourensáns que participan no stand desta edición, senón que tamén contribúe a proxectar a imaxe dun destino enogastronómico de calidade nun foro. na que están presentes máis de 2.200 expositores de máis de 25 países”, destacou a xerente do Inorde, Emma González.
Cociñeiros da “Cociña Ourense” comprometidos co produto local
Begoña Vázquez Gago dirixe con éxito dende 2016 o seu propio restaurante "Regueiro da Cova", así como o espazo enogastronómico "Souson" situado nun dos lugares emblemáticos da provincia como é o Castelo de Monterrei. O seu principal distintivo é apostar por produtos de calidade e de tempada. Como membro de “Cociña Ourense” –asociación de cociñeiros comprometidos co territorio que valoran os produtos e viños da zona– aposta polos pequenos produtores e por dar visibilidade ao traballo que realizan nesta auténtica provincia. Tamén é colaboradora habitual de “A Voltas co Prato” da TVG.
Pola súa banda, Gerson Iglesias, presidente de "Cociña Ourense" é xefe de cociña do Hotel Oca Vila de Allariz onde mestura produtos km0 con cociña de vangarda, destacando as súas propostas veganas. Tamén participou no mundo da Televisión, concretamente, como asesor dun programa da TVG chamado "Come a Comarca", ademais de poñer en valor o viño e a gastronomía no Camiño de Santiago cunha serie de actos con ShowCooking na Vía da Prata. . Todo isto, unido á súa vocación de asesorar gastronómico aos restaurantes e ofrecer formación.
Ambos mestres cociñeiros comparten moitas semellanzas: formación, viaxe, experiencias, emprendemento e todo isto, combinado con incursións na televisión galega e apoio a outras salas. Pero, sen dúbida, o máis salientable da súa traxectoria e parte do seu ADN é a aposta polos produtos locais e a cociña de calidade.