Segundo sinalan desde o BNG, recentemente a Xunta de Galiza avanzaba aos medios de comunicación a decisión de paralizar a obra, até que o Xulgado falle os recursos veciñais, situación que vén despois dunha forte oposición tamén no ámbito das e dos sanitarios e das e dos usuarios e usuarias á proposta de traslado da Xunta.
A deputada Noa Presas recordou que “a Xunta prometeu no ano 2020 un Centro Integral de Saúde sabendo que non tiña garantías de viabilidade técnica e sen falar co persoal sanitario implicado” e engade, “agora atopámonos con que non hai transparencia nin explicacións sobre o futuro dun investimento que está paralizado coa desculpa das demandas xudiciais da veciñanza”.
Presas insiste en que “hai que recordar que o persoal sanitario implicado tanto de atención primaria como dos servizos hospitalarios opuxéronse ás propostas chapuzas da Xunta para reorganizar os servizos entre o Centro de Especialidades, o Hospital e o Centro de Saúde do Couto e a Xunta no canto de dialogar tentou ir costa abaixo e sen freos”.
“Lembramos que hai máis dun ano, malia que esta situación estaba xudicializada desde o 2024, na segunda quincena de marzo de 2025, coñecíase que a Xunta de Galiza, contra a vontade da comunidade sanitaria, ía adiante co traslado, e tivo que frealo porque era un disparate”.
Para o BNG “cómpre recordar que a promesa dun CIS para Ourense nacía xa a finais do ano 2020. Porén, a realidade é que cinco anos despois, mentres os CIS de Lugo, de Vigo e de Lalín, comprometidos na mesma altura, están rematados e en funcionamento, o investimento en Ourense continúa na lista de tarefas pendentes, da mesma maneira que segue sen estar rematado o Edificio de Hospitalización que tiña que estar no 2025 e que impide derrubar xa o Materno, demolición anunciada no 2024”.
Presas pide á Xunta “rectificación co abandono de Ourense e que se comprometa a dialogar co persoal sanitario cal debe ser a alternativa para o Centro Integral de Saúde e cal debe ser o futuro do Nóvoa Santos e dos servizos prestados no Centro de Especialidades porque é evidente que fracasou nesta previsión e a realidade é que Ourense non ten CIS nin previsión de novos Centros de Saúde na cidade malia as demandas, por exemplo, do Centro do Vinteún”.

