A praza de Santa Eufemia da capital acolleu un acto de recordo e honra ás 1.118 vítimas da violencia de xénero recoñecidas de forma oficial en España desde 2003, ano no que se comezou a dispoñer de datos. A homenaxe, organizada pola Deputación de Ourense, contou coa participación de representantes dos máis diversos ámbitos da sociedade ourensá que deron lectura aos nomes das mulleres asasinadas, tamén proxectados na fachada da igrexa.
O acto incluíu un apartado musical no que o público tivo a oportunidade de escoitar composicións de diferentes culturas, poñendo así de relevo que a violencia de xénero é unha lacra que se estende por todo o mundo, ademais de destacar o papel que xoga a música á hora lanzar unha mensaxe universal contra este tipo de violencia.
Antes de comezar a lectura dos nomes, a deputada de Igualdade e Reto Demográfico agradeceu a participación da sociedade ourensá nun acto “de reivindicación e de recordo, pero tamén de esperanza”, facendo unha chamada “para traballar con determinación a prol do remate da desigualdade e a violencia contra a muller”.