Comercio

Gadis convoca o seu 4º concurso de microrrelatos

A natureza é a temática elixida pola cadea de supermercados para dar voz a novos talentos anónimos, o prazo para enviar os textos breves será ata o 31 de agosto.

Óscar Gómez

Ourense | 06.07.2023 08:02

Gadis convoca o seu 4º concurso de microrrelatos
Gadis convoca o seu 4º concurso de microrrelatos | Gadis

Gadis lanza a 4ª edición do seu Concurso de Microrrelatos, que pretende seguir dando a coñecer e visibilizar a talentos emerxentes no ámbito da escritura. A partir deste xoves, 6 de xullo, pódense empezar a enviar os textos cunha nova temática: a natureza. O argumento elixido está en consonancia co interese da empresa en concienciar da importancia de ter un comportamento responsable co medioambiente para a conservación da contorna.

Os relatos han de ser orixinais e inéditos e poden estar escritos tanto en castelán como en galego. O prazo para participar ábrese ata o 31 de agosto. O único requisito é ter máis de 14 anos e cubrir un formulario na web https://www.gadismicrorrelatos.com/.

Como a natureza é un tema amplo e pode ser interpretada de diversas maneiras, desde Supermercados Gadis esbózanse algunhas ideas: “A brisa que se levanta á noitiña, unha folla que se desprende dunha árbore marcando a chegada do outono, as margaridas que aparecen nun campo sen segar. A natureza arróupanos de tal forma que é parte de nós, parte do noso paso polo mundo.”

Publicación dun libro

Para dar maior difusión a esta iniciativa e recoñecer publicamente o labor dos autores, Supermercados Gadis publicará, por cuarto ano consecutivo, un libro cos mellores microrrelatos. En total, regalará 30.000 exemplares nos seus puntos de venda de Galicia e Castela e León o próximo mes de outubro. Tamén se poderá descargar na web en formato dixital. Entre todas as narracións, o xurado seleccionará tres, que premiará cun MiniDrone, un telescopio e unha cámara deportiva.

Éxito de participación

Máis de 4.000 persoas anónimas de diferentes puntos da xeografía española mostraron a súa orixinalidade en menos de cen palabras desde que Gadis lanzou este concurso que, en cada edición, varía a temática: os encontros, os descubrimentos, os soños e agora a natureza.

Supermercados Gadis anima a mozos e a adultos a dar renda solta á súa creatividade enviando os seus microrrelatos ao certame, no que confía en manter a elevada participación de anos anteriores.

Compromiso cultural

Un dos piares do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa é o compromiso coa cultura nas súas diferentes manifestacións. No ámbito literario, Gadis difunde a obra de escritores consagrados e de autores emerxentes a través da súa labor editorial. Ademais dos exemplares nos que reúne os microrrelatos, nos últimos anos editou máis de 360.000 libros en galego ao fío do Día das Letras Galegas.