Ourense Provincia

Futuro poligono agroforestal en San Cibrao das Viñas

Na actualidade, xa son 21 os polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa comunidade, dos cales 15 se atopan na provincia de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 06.03.2023 11:57

Futuro poligono agroforestal en San Cibrao das Viñas
Futuro poligono agroforestal en San Cibrao das Viñas | onda cero

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión cos veciños deste municipio ourensán que se poderán ver beneficiados pola implantación do polígono agroforestal de Soutopenedo. Neste senso, sinalou que dito instrumento prevé mobilizar unha superficie total de 53,27 hectáreas, dividida actualmente en 90 parcelas propiedade de 75 veciños.

Así, o conselleiro indicoulles que con este polígono -que se atopa en fase de actuacións previas- búscase recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

Ademais, cómpre sinalar que a mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado. Así mesmo, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Neste senso, o titular de Medio Rural subliñou que este polígono de Soutopenedo forma parte dos 21 polígonos agroforestais existentes na nosa Comunidade. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños.

No tocante á provincia de Ourense, José González indicou que son 15 os polígonos que mobilizarán algo máis de 5.000 hectáreas. Precisamente, esta aglutina preto do 58% da superficie total que está sendo mobilizada a través destes instrumentos impulsados pola Lei de recuperación.