Ourense Provincia

A ‘LV Festa do Peixe de Bande’ desenvolverase do 29 ao 31 de maio

Por segundo ano contarase coa participación do Mercado de Artesanía Alimentaria, que amosará a elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio ambiente.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A ‘LV Festa do Peixe de Bande’ desenvolverase do 29 ao 31 de maio
A ‘LV Festa do Peixe de Bande’ desenvolverase do 29 ao 31 de maio | Xunta de Galicia

O delegado territorial subliñou que se trata de 55 anos espallando a riqueza gastronómica da contorna e dando a coñecer o potencial turístico da zona cun concurso de pesca, e que en 2013 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O seu nacemento débese á iniciativa dun grupo de amigos que compartiron a súa paixón pola pesca e decidiron organizar un concurso que se repite ano tras ano ata hoxe. As súas raíces resistiron o paso do tempo, e hoxe é unha das máis antigas de Ourense.

A abundancia de peixe nos ríos da zona foi un factor importante que influíu na elección de Bande como sede do campionato de pesca, amparado pola Federación Galega, dada a presenza de especies tradicionais como a boga e o escalo.

Nesta festa sempre hai comida variada e diversos postos onde probar as deliciosas opcións tradicionais. O máis popular é a degustación de empanadas, pan artesanal dos fornos de Bande e o prato forte que é o peixe. Ademais, durante os días do certame, hai moitas outras actividades dispoñibles ademais de música e festa.

Nas semanas previas á festa realízase o primeiro concurso de vídeos curtos ‘Peixiños nas Redes’. Este certame está dirixido a nenos e nenas de educación primaria, ESO e bacharelato da comarca da Baixa Limia. Os traballos realizados xiran en torno á Festa do Peixe (Bande), a visión dos rapaces e rapazas acerca desta festa , da natureza, dos ríos e do coidado do medio ambiente.

Un programa de actividades amplo e variado no que destaca o campionato de pesca que se celebra o sábado a partir das 8h. en augas do río Limia, na zona acoutada de Ponte Liñares.

Por segundo ano contarase coa participación do Mercado de Artesanía Alimentaria, que amosará a elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio ambiente, garantindo un produto final individualizado, seguro dende o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou artesán.

Novidades desta edición

Como novidades deste ano destacan as actuacións da Disco Móvil A Gramola e do grupo musical venezolano Los Coleguitas dirixidas a xuventude. Así mesmo, durante todos os días da festa a veciñanza poderá degustar diferentes pinchos na praza da Constitución, convertendo a gastronomía local nun dos grandes atractivos desta tradicional festividade do concello de Bande.