A edición, que se desenvolverá durante os días 18 e 19 de febreiro, xuntará a máis de douscentos atletas na procura dalgunha das medallas que están en xogo.
Entre a relación de atletas inscritas e inscritos destaca a presenza da internacional e plusmarquista galega absoluta dos 100 m. Ainhoa Repáraz de Val Miñor, quen estará tomando parte na proba dos 200 m. De igual modo a campioa de España da tempada pasada Xiana Lago do Ría Ferrol, parte como clara favorita a un título que sumar ao logrado recentemente no campionato de Galicia absoluto. A ceense estará acompañada pola tamén internacional e campioa de España Sub18 en martelo, Blanca Pereira do Ourense Atletismo.
Outras presenzas destacadas que poderemos ver sobre a pista ourensá serán as da triplista internacional do Ría Ferrol Diaou Diallo que o ano pasado lograba o bronce no nacional Sub20 desenvolto en Antequera. Pola súa banda a tamén medallista no nacional Sub18, Emma Sihuang Pérez, estará na relación de atletas que tomen parte no concurso de altura.
Sobre a modalidade de combinadas, a subcampioa de España Sub18 Carlota Salgado do A.F.Celta intentará comezar este ano cun bo rexistro co que afrontar as inminentes citas nacionais.
A maiores estaremos tamén moi pendentes do que poidan facer nas probas de velocidade tanto Martín Barcia do Celta como Manuela Raviña do C.A.Santiago sen esquecernos de Carolina Santos do Ría Ferrol nos 800 m.; Mario Rodríguez do Celta nos 1.500 m.; Diego Liñares do C.A.Santiago nos 60 valos; Daniel Cariñeña do C.A.Santiago na lonxitude ou Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá no peso.