Cultura

Estrea mundial de "Olvido y León” na apertura da 25 edición do Festival de Cine de Ourense

O filme “Olvido y León” comezara a rodarse en outubro pasado coincidindo coa anterior edición do OUFF

Óscar Gómez

Ourense |

Guillem Jiménez, Xavier Bermúdez, Manuel Baltar, Monti Castiñeiras, Marta Larralde e Miguel Anxo Fernández no inicio da rodaxe do filme, o 2 de outubro de 2019, en Laias | Deputacion de ourense

A película do director ourensán Xavier Bermúdez “Olvido y León” erguerá o telón do 25 aniversario do Ourense Film Festival. Terá carácter de estrea a nivel mundial na gala de inauguración, poñendo a Ourense e ao OUFF no centro do universo cinematográfico entre o 25 de setembro e o 3 de outubro. O filme continúa a trama da galardoada “León y Olvido” (2004) do mesmo director e guionista, e comezou a rodarse coincidindo coa última e exitosa edición do festival.

Esta 25 edición do OUFF, que organiza a Deputación de Ourense, “non podería empezar de mellor maneira: coa estrea dunha película rodada en Ourense e por un director ourensán como Xavier Bermúdez”, destacou Manuel Baltar, quen afirmou que para a institución provincial é “un motivo de fonda satisfacción comprobar que ese Ourense plató de cinema fai da nosa provincia un territorio perfecto para a rodaxe de calquera produción e que, sen dúbida, proxecta unha imaxe, como o vai a facer este filme de Xavier Bermúdez, dunha provincia para visitar, cun potencial termal que ningunha outra pode poñer e valor, e dunha provincia que está aliada co cinema en forma de Festival desde hai 25 anos e que a Deputación colleu o pulo para organizalo hai dúas edicións, sendo este filme un dos fillos de esa aposta da Deputación”.

Este filme é “a secuela dun dos grandes éxitos do cinema español, premiado internacionalmente en once ocasións e que, sen dúbida, converteu a Xavier Bermúdez nun referente, referente audiovisual que continúa a ser para a Deputación, para a provincia, que ademais ergue con esta estrea esta 25 edición do OUFF que tamén é un espello importante de proxección da nosa provincia, do que somos capaces de facer, do noso entorno, da nosa riqueza paisaxística e medioambiental, pero tamén da nosa condición de xente creativa, traballadora e, por suposto, orgullosa das súas raíces, neste caso, orgullosos de Ourense”, dixo o presidente da Deputación de Ourense.

Esta película fará que “sintamos de novo orgullo da nosa provincia con este gran traballo que realizou Xavier Bermúdez e que tivo como protagonistas a Guillem Jiménez e a Marta Larralde, sen esquecer que se rodou en diferentes localizacións da provincia de Ourense, polo tanto, é unha película con denominación de orixe ourensá, o cal engade un plus a esta produción cinematográfica”, engadiu Baltar.

Para Xavier Bermúdez inaugurar o festival supón “un pracer e un honor, aumentados polo feito de que a película foi rodada enteiramente na provincia. É a miña primeira película rodada en Ourense, mercé aos bos oficios da actual dirección do OUFF e, fundamentalmente, á xenerosidade e responsabilidade cultural da Deputación de Ourense e en especial do seu presidente, Manuel Baltar”.

En “Olvido y León” coñecemos a evolución da vida destes dous irmáns e como se desenvolven na actualidade. A sinopse oficial da película resume que “despois de quince anos, Olvido aceptou que o seu mal non é o seu irmán xemelgo, León, que ten a síndrome Down. Podería abandonalo pero aceptou que o mal está en poderes que non coñece e non identifica ben, pero que os sente. Poderes que tecen como unha araña, un cárcere de insatisfacción social e persoal.”

Olvido y León, unha película de personaxes

Xavier Bermúdez, que escribe e dirixe o filme, afirma que “só me interesan os personaxes e situacións que me espertan unha actitude ambivalente cara a eles, e só me interesan os personaxes que viven con sentimentos ambivalentes. Por iso me seducen tanto Olvido e León”. Repiten como protagonistas a actriz galega Marta Larralde e o catalán Guillem Jiménez, aos que se xuntou Monti Castiñeiras. A rodaxe da película realizouse integramente en escenarios da provincia de Ourense tales como o Balneario de Laias, Cenlle, Arnoia ou Ribadavia.

Na presentación da rodaxe no outubro pasado, Bermúdez aseguraba que “non me cansarei de dicilo pero se non fora pola Deputación de Ourense e polo OUFF, non estaríamos aquí anunciando que comezamos a rodaxe”. Tamén engadiu que “a gravación desta cinta foi posible despois das conversas xurdidas entre Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e o cineasta cando este recibiu a Calpurnia de Honra no 2018 na edición OUFF dese ano. A partir de aí, xestionouse o apoio da institución ata facer realidade a película como parte tamén dun programa de estímulo e promoción de Ourense como plató preferencial para a industria audiovisual.

Os protagonistas do filme tamén se amosaban felices por protagonizar a secuela. Marta Larralde afirmábase “encantada de estar en Ourense, e de regresar a este papel e vivir a evolución do personaxe” mentres Guillem Jiménez, agradecido ao director e a súa compañeira de reparto, prometeu “ dalo todo neste papel e a ver se me dá sorte para recoller un premio”.

Bermúdez e o OUFF

O cineasta ourensán Xavier Bermúdez acumula unha longa traxectoria cinematográfica moi vencellada ao noso festival: “colaborei na primeira edición. Inaugurei con “Nena” fóra de concurso o festival de 1997. Fun membro do xurado da competición internacional no ano 2000. Gañei o premio ao Mellor Director en 2004. Fun Premio de Honra en 2018. E inauguramos agora no 25 aniversario con “Olvido y León. Vinte e cinco anos de relacións con diferentes intensidades de afecto, pero de afecto constante”.

Xavier Bermúdez rodou en 1992 a súa primeira longa “Luz Negra” e dous anos despois cofundou a produtora Xamalú Filmes. Con ela realizou “Nena”, seleccionada no Festival de Mar de Plata. Logo chegaría a quenda de “León y Olvido”, coa que conseguiu once premios internacionais e tres nacionais en diferentes festivais de cine. Destacan o Premio Especial do Xurado en Málaga e os galardóns de Mellor Director e Mellor Actriz no prestixioso Festival Internacional de Karlovy Vary e tamén no propio Festival de Cine de Ourense.

A carreira de Bermúdez continúa co filme “Rafael” (2008) e con “O Ouro do tempo” (2013), que recibiu premios en Varna, Dürres e Calanda. No ano 2018 ademais de recibir a Calpurnia de Honra, prográmase no OUFF unha sección con tódalas súas películas como homenaxe a súa traxectoria artística. Agora volve á carga con “Olvido y León”.

25 aniversario do OUFF

Este 2020 celebrase o 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense, organizado pola Fundación Carlos Velo e a Deputación de Ourense. A pesar da situación actual, o persoal que forma parte do certame estivo traballando para sacar adiante o festival e manter as datas previstas, do 25 de setembro ao 3 de outubro. Nos vindeiros días darase a coñecer máis información sobre o 25 aniversario, que mantén aberta a inscrición de películas para a Sección Oficial.