O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou á cidadanía a desfrutar das festas de Nadal na cidade de Ourense, “con prudencia, responsabilidade e cumprindo as normas”. Fíxoo durante a Xunta Local de Seguridade do Concello de Ourense que presidiu esta mañá.
Eladio Santos coordinou ás Forzas e Corpos de Seguridade para ultimar os dispositivos que se mobilizan para as celebracións propias desta época, ante posibles aglomeracións de persoas. Tanto Policía Nacional como Policía Local reforzarán as patrullas nas zonas de ocio, especialmente na noite de Fin de Ano e Noiteboa, así como nas fins de semana. Así mesmo, haberá un dispositivo especial para o partido de fútbol da Copa do Rei que xogará o Ourense CF contra o Athletic Club de Bilbao no Couto.
Respecto ás estatísticas de criminalidade, a Policía Nacional apuntou que un de cada catro delitos en Ourense teñen que ver coa ciberdelincuencia, unha tipoloxía que preocupa e require un gran esforzo investigador. Respecto á delincuencia convencional, nestes momentos a tipoloxía delituosa actual é e carácter menor, con predominio de roubos en vehículos, moitas veces vinculados ao consumo de estupefacientes e á drogodependencia. Aínda así, deuse conta de que a actividade delituosa diminuíu despois do primeiro trimestre deste 2025.
Para controlar esta situación, a Policía Nacional redobrou os seus esforzos de patrulla con varios dispositivos especiais como o de vixilancia do ocio nocturno e o de prevención da delincuencia na zona do Vinteún, Santa Teresita, A Ponte, Covadonga e O Pino. Tamén se realizan patrullas intermitentes no marco do nivel catro de alerta terrorista en edificios oficiais e estacións de transporte.
En materia de prevención e á participación cidadá, tamén está en marcha o Plan Comercio Seguro, no que a Policía Nacional realizou xa máis de 90 visitas informativas a establecementos comerciais, xa que desde o Black Friday se incrementou a afluencia aos comercios e prevese que continúe así ata xaneiro. Ademais, os axentes mantiveron este ano nove charlas con asociacións de veciños para abordar a seguridade nos barrios e sete reunións con institucións enmarcadas no Plan Maior Seguridade, que busca a protección das persoas maiores.

Violencia de xénero
Unha parte importante dos esforzos dos corpos policiais está representada ola violencia de xénero. Nestes momentos, 184 mulleres están protexidas pola Policía Nacional, a Policía Local e a Policía Adscrita no marco do sistema VIOGEN, 21 casos activos máis que na anterior Xunta Local de Seguridade, celebrada no mes de maio de 2025.

