Na reunión, trataron as novas frecuencias anunciadas o pasado luns polo presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, que permiten aos veciños e veciñas do sureste ourensán viaxar a Madrid pola mañá e poder volver no mesmo día. “O Goberno de España amosa unha vez máis a súa sensibilidade coa poboación do rural”, remarcou Santos.
A partir do 20 de maio, Renfe modificará o horario do Alvia Lugo–Madrid, de modo que a parada da Gudiña se efectuará ás 7:44 horas, con chegada á capital ás 10:13h. Ademais, Renfe adianta unha hora e media o horario do tren Madrid-Galicia para que pare na Gudiña ás 9:02, posibilitando á cidadanía das comarcas da zona chegar antes a Ourense, Santiago e A Coruña.
“O Goberno de Pedro Sánchez trouxo a Alta Velocidade a Galicia, o que fixo que a demanda deste medio de transporte aumentase moito máis do esperado. Este forte incremento precisa axustes e niso se traballou intensamente estes meses e seguirase traballando, escoitando á cidadanía e axentes implicados”, explicou o subdelegado do Goberno.
O subdelegado tomou nota doutras reivindicacións da plataforma e seguirá en contacto co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para trasladarllas.
Santos pide á Xunta que reforce o plan de transporte por estrada para adecuar a conectividade dentro da comunidade autónoma a esta mellora do transporte ferroviario.

