A Deputación de Ourense a través do Inorde participará como beneficiario no proxecto europeo Circular Ecosystems, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP) con fondos FEDER. Esta iniciativa, liderada pola Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, marca un paso importante na procura de solucións sostibles para previr a contaminación e promover a economía circular.
Levouse a cabo con éxito a primeira sesión para a creación dun grupo de traballo, que reuniu a representantes crave de diversas organizacións, incluíndo a Deputación, os 6 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da provincia, o Clusaga (Cluster Alimentario de Galicia), a Evega (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia), entre outros.
Este proxecto céntrase en reducir o consumo de recursos, aumentar a eficiencia no seu uso, diminuír a xeración de residuos e fomentar a recuperación de materiais, pero tamén busca abordar desafíos como o cambio climático, a contaminación, a perda de biodiversidade, a saúde pública e os aspectos socioeconómicos. Dentro deste marco, Inorde enfocarase na cadea de valor "Alimentación, auga e nutrientes", considerada crucial no ecosistema económico rural da provincia.
A Deputación reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente, e espera contar coa colaboración de todas as partes interesadas para acadar os obxectivos de Circular Ecosystems.