A Deputación de Ourense ven de adquirir dous novos camións destinados ao servizo provincial de recollida de residuos sólidos urbanos, dentro da renovación anual da flota deste servizo deseñada pola administración. O deputado Pablo Pérez supervisou no Parque da Maquinaria da Deputación estes dous vehículos, nunha visita na que estivo acompañado por persoal do centro e do propio servizo provincial de recollida de residuos.
Na adquisición por parte da administración provincial destes dous vehículos recolectores de carga traseira -cunha capacidade de 13 metros cadrados- está incluída a entrega de dous vehículos recolectores situados ao final da súa vida útil, como método de renovación de flota.
Na actualidade, o servizo provincial de recollida de residuos sólidos urbanos atende a 55 concellos de xeito integral -cunha poboación atendida de 110.000 habitantes aproximadamente- e, adicionalmente, outros 18 concellos adheridos ao servizo municipal de recollida de envases lixeiros, 6 adheridos á recollida de papel e cartón e 9 municipios, ao de vidro.
A Deputación xestiona ademais dous puntos limpos de ámbito comarcal -o de Verín, que da servizo aos veciños de 7 concellos, e o da Gudiña, que da servizo a 5 concellos-. A isto se engaden o servizo supramunicipal de transferencia, mediante un convenio de colaboración co Sogama ao que están adheridos actualmente 68 concellos ourensáns.
42.364 toneladas anuais de residuos recollidas
O servizo conta actualmente con 21.497 contedores -15.117 unidades de fracción resto; 4.395 de envases lixeiros; 1.123 de papel-cartón e 862 de vidro-; ademais de 38 vehículos recolectores; 2 minirecolector; 2 porta contedores; 2 remolques porta contedores con equipo de gancho, e con guindastre nos contedores; 1 volquete con guindastre; 2 puntos limpos móbiles; 2 camións lavacontedores; 3 furgones; 2 furgonetas e 3 turismos.
Polo que corresponde as cifras de recollida, son aproximadamente 42.364 toneladas anuais. Por categoría, 38.914 toneladas anuais de fracción resto; 1.200 toneladas de envases lixeiros; 770 toneladas de papel-cartón e outras 1.480 toneladas de vidro.