Ourense Provincia

Cooperación ourensá nunha agrupación transfronteiriza con Portugal

Acordo de colaboración entre a Deputación, o Campus universitario de Ourense e o Goberno portugués “para que o turismo transfronteirizo teña tamén un papel máis que relevante”

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2022 07:52

Cooperación ourensá nunha agrupación transfronteiriza con Portugal
Cooperación ourensá nunha agrupación transfronteiriza con Portugal | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez na sinatura dunha declaración conxunta, apoiada por 22 entidades locais e supramunicipais (catorce da provincia ourensá e oito do norte luso), para a constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva Mundial da Biosfera Gerês-Xurés. Un instrumento de colaboración transfronteiriza “no que a Deputación de Ourense porá o mellor de seu: disposición para traballar en común e capacidade de interrelación a calquera nivel con outras institucións, coa vontade de que este sexa un dos mellores exemplos de cooperación territorial en Europa”, afirmou o presidente do goberno provincial.

O acto de sinatura do documento desenvolveuse na Cámara municipal de Arcos de Valdevez, onde o seu presidente, João Manuel Esteves, exerceu como anfitrión acompañado por Manoel Batista, presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, e o propio Manuel Baltar, así como tamén coa presenza dos representantes das entidades asinantes. Na clausura do acto interviñeron a secretaria de Estado de Desenvolvimento Regional, Isabel Ferreira, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.

Manuel Baltar destacou na súa intervención a palabra cooperación como a base dun proxecto común no que a Deputación de Ourense vai achegar “a relevancia que ten tanto en foros nacionais como internacionais”. Unha capacidade de traballo en rede que tamén beneficiará a Portugal, pois desde a presidencia de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais, “vimos de modificar hai pouco os estatutos para que as comunidades intermunicipais portuguesas poidan adherirse a esta entidade, tendo non só protagonismo no novo período financeiro plurianual 2021-2027, senón tamén nos que veñan”.

Novas oportunidades no termalismo

Manuel Baltar tamén referiuse a súa condición de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHHTA) e do Foro Termal do Eixo Atlántico para destacar as oportunidades que se abren a esta agrupación “á hora de potenciar un recurso característico da provincia de Ourense e do norte de Portugal como que é o termalismo, vinculado directamente ao turismo”. Precisamente sobre este último aspecto avanzou un acordo de colaboración entre a Deputación, o campus de Ourense e o goberno portugués “para que o turismo transfronteirizo teña tamén un papel máis que relevante”.

ó persegue mellorar as condicións de vida da veciñanza

A declaración conxunta, engadiu Manuel Baltar, “só persegue mellorar as condicións de vida da veciñanza, con obxectivos claros como as infraestruturas”, citando como exemplos a conexión con Portugal a través da prolongación da autovía AG-31 desde Celanova, “que grazas a esta agrupación tera moitas máis probabilidades de ser unha realidade”, ou a cobertura dixital “como o gran reto do século XXI que asomou toda a súa capacidade durante a pandemia”.

Concluíu Baltar sinalando que “este é un día especial e histórico para Ourense, a provincia española con maior número de quilómetros de fronteira con Portugal -219-, e a futura sede por acordo unánime das Cortes Xerais da Casa da Lusofonía de España, que ademais de cuestións culturais, lingüísticas e históricas tamén suporá unha oportunidade de negocio para todos os países que no ano 2050 reunirán unha poboación de 300 millóns de persoas falando linguas irmás”.

Un territorio continuo cunha longa e frutífera historia de colaboración

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés estará liderada pola Deputación na parte ourensá, acompañada polos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira, Baltar, Padrenda, Verea, Quintela do Leirado, Muíños, Cualedro, Oímbra e Monterrei. Portugal estará representada polos municipios de Montalegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço, así como as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Cávado e Alto Tâmega.

O futuro organismo permitirá deseñar proxectos conxuntos que poidan optar a programas europeos de cooperación territorial, no marco dos obxectivos da estratexia 2030 da Unión Europea e, nomeadamente, dos referidos aos plans de investimento conxunto e da Estratexia de Especialización Inteligente da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal.

A declaración conxunta define ás áreas da Raia Seca e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés como “un territorio continuo cunha longa e frutífera historia de colaboración”, destacando o traballo realizado no ámbito socioeconómico e na mellora da calidade de vida da poboación, aspectos aos que engade “o elevado potencial dos recursos naturais e culturais”.

Esta dinámica de traballo conxunto, engade o documento, contribuíu decisivamente a que neste momento estean en estudo diversas propostas para a promoción dese patrimonio natural e cultural, así como tamén para a internacionalización e o desenvolvemento sustentable deste espazo común, ademais da transformación destas áreas en lugares atractivos para vivir, traballar, investir ou visitar.