Ourense Provincia

O Concello de Arnoia adquire un vehículo para brigada ambiental

O municipio beneficiouse tamén neste exercicio dunha achega de case 25.000 euros para o funcionamento da brigada ambiental conxunta con Castrelo de Miño.

Óscar Gómez

Ourense | 27.10.2022 08:11

O Concello de Arnoia adquire un vehículo para brigada ambiental
O Concello de Arnoia adquire un vehículo para brigada ambiental | onda cero

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o concello da Arnoia, que vén de recibir unha achega de 20.000€ do Goberno galego para a adquisición dun vehículo destinado á brigada de ambiental. A compra realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), co que o Goberno galego apoia o funcionamento de servizos municipais relacionados coa protección do medio e que conta este ano cun orzamento de 11,3M€.

O vehículo adquirido é tipo todoterreo, tracción 4x4, de cinco prazas e cunha potencia de 160 CV. Trátase ademais dun coche co distintivo ECO, con baixas emisións de CO2, a prol dun parque móbil municipal máis eficiente e respectuoso co medio. O Goberno galego colabora así cun importante servizo a prol da defensa e protección da contorna ambiental e no que é fundamental dispoñer de recursos que faciliten a mobilidade polas contornas forestais e naturais.

Segundo sinalou Natalia Prieto, o Fondo de Compensación Ambiental é unha medida posta en marcha en 2010 e no que se investiron xa máis de 117M€. A través desta iniciativa subvenciónanse accións como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais ou a utilización de enerxías renovables. Ademais, apóiase os concellos na conservación da biodiversidade e a protección do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética, ademais de na dotación de medios.

Preto de 880.000 euros das liñas de apoio aos concellos

Concretamente o concello da Arnoia beneficiouse tamén este ano dunha achega de case 25.000 euros para o funcionamento da brigada ambiental de xeito conxunto con Castrelo de Miño. No que se refire ao conxunto das liñas de axuda da Xunta ás Administracións locais, A Arnoia recibiu nos últimos anos preto de 880.00 euros cos que desenvolveu tanto accións a prol do medio natural como de mellora de infraestruturas de uso público, como o acondicionamento do pavillón municipal ou a creación dun parque infantil cuberto, entre outras iniciativas.

Por outra banda, cómpre sinalar que a provincia de Ourense é a que acolle a meirande parte dos proxectos subvencionados este ano ao abeiro da liña do FCA en concorrencia competitiva, con 33. No caso da liña de concorrencia non competitiva, dirixida a concellos con parques eólicos no seu territorio, o número de concellos beneficiarios sitúase en 20.