O xoves, día 1 de febreiro, comeza a IV Campaña de fomento da lectura do Concello de Ourense. Será a partir dese día que estará habilitada a páxina (https://libros.ourense.gal ) para que poidan consultar toda a información e os establecementos asociados onde poderán adquirir os libros que escollan.
O alcalde, Gonzalo P. Jácome quere animar a todos os nenos e nenas en idade escolar a que recollan os libros que libremente escollan, por valor de 20 euros (se é superior terían que aboar a diferenza) e agarda superar o éxito da campaña anterior, case 10.000 libros.
"Esta campaña de fomento da lectura é innovadora e significa que todos os nenos ourensáns do municipio de Ourense teñen dereito a adquirir o libro que eles queiran en calquera librería da cidade ata 20 € para o seu desfrute e enriquecimento cultural.", engadiu o alcalde.
Comeza un novo programa de animación á lectura da Concellería de Educación
Neste ciclo participan máis de 1000 alumnos e alumnas de 5º de primaria, acompañados de 52 docentes de 27 centros de ensino da cidade
Estes encontros forman parte das actividades innovadoras e didácticas para o fomento da lectura que organiza a Concellería de Educación. A obra escollida para esta edición é Segredos Soterrados de Alba de Evan e Xavier Domínguez. Este libro foille entregado aos centros escolares inscritos xa antes do Nadal, un exemplar por participante, para a súa lectura e traballo na aula.
Nestes encontros teñen a oportunidade de coñecer os autores e autoras e establecer un diálogo con eles. Ao finalizar o acto puideron levar cadanseu exemplar asinado. Os encontros, que comezaron onte, continuarán durante toda a semana.