Emprego

A CEO transmítelle a Baltar a preocupación dos empresarios pola crise das axudas, provocada por Villarino

O presidente da Deputación aseguroulle que seguirá defendendo “aos 2.500 autónomos e empresarios que xa cobraron as mesmas e aos que de aquí ao 15 de xullo percibirán as achegas económicas que lles corresponden.

Óscar Gómez

Ourense |

A presidenta da CEO transmítelle a Baltar a preocupación dos empresarios pola crise das axudas | La Region

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Novoa, reuníronse hoxe no Pazo Provincial para analizar a grave situación que tenta provocar nos autónomos e pequenos empresarios da provincia de Ourense o representante do grupo socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, tentando que se revisen as axudas económicas concedidas pola Deputación de Ourense a autónomos e PEMES da provincia, afectados pola crise do COVID-19, o que podería poñer en risco o cobro de ditas axudas e mesmo provocar a devolución dos importes xa cobrados por 2.500 beneficiarios.

A presidenta da CEO comparte co presidente Baltar a preocupación xerada nos autónomos e empresarios da provincia, “debido á incomprensible actitude de Rodríguez Villarino e a aquiescencia do Subdelegado do Goberno en Ourense, para ir en contra das miles de familias de Ourense, sendo o móbil desa actuación a mala intención e unha vocación por destruír”, afirma Baltar.

“Coa documentación á que tivo acceso á Deputación de Ourense días pasados –comenta Baltar- quedou ao descuberto a posición de Rodríguez Villarino en contra dos autónomos, co servilismo do subdelegado do Goberno, algo que non poden negar; e o que si existe é unha fonda preocupación nos empresarios e nos autónomos. Así mo transmitiu á presidenta da CEO, porque non se entende que tratándose de axudas económicas para milleiros de persoas -protagonistas da reactivación económica e social da nosa provincia-, haxa quen se dedique a cuestionar a legalidade das axudas, e que por parte da Subdelegación do Goberno –unha administración onde os procedementos oficiais se fan con documentos- se admitan peticións verbais ou chamadas telefónicas para incoar expedientes”, afirma Baltar.

O presidente da Deputación considera que, sendo isto grave, “o gravísimo é que se poña en perigo as axudas que xa cobraron 2.500 empresarios e autónomos, e que se poidan ver na obriga de ter que devolvelas como consecuencia dun comportamento indigno e vil por parte dun deputado desta corporación”. Baltar defende que as axudas e os procedementos “son absolutamente legais, igual que as que se puxeron en marcha en todo o territorio nacional, e só se coñece o caso de que en Ourense se estean a investigar e revisar”.

O importante, segundo Manuel Baltar, “é que desde a Deputación de Ourense seguiremos defendendo aos autónomos e a todos os empresarios que teñen percibido e percibirán, de aquí ao 15 de xullo, a totalidade das axudas económicas, e non pararemos ata cumprir ese obxectivo en defensa deles”, remarcou.