CCOO considera fundamental o mecanismo dos ERTES
Os datos publicados hoxe polo SEPE indican un incremento de 1367 persoas máis que engrosan a lista do desemprego provincial
Os datos publicados hoxe polo SEPE indican un incremento de 1367 persoas máis que engrosan a lista do desemprego provincial. Un dato demoledor fortemente ligado aos efectos da pandemia pero que revelan un incremento xeralizado do desemprego estrutural que a provincia arrastraba xa desde antes da pandemia.
A maioría do emprego perdido concéntrase novamente no sector servizos, xa de por si precarizado estruturalmente, agora cun incremento de 958 por ser o sector que máis peso ten na economía territorial provincial. A contratación descende de forma considerable cun total de 2670 contratos menos que no mes de marzo, aumentando, iso si, a porcentaxe de contratación temporal que se sitúa agora no 89%.
Para CCOO, os datos do desemprego poñen en evidencia que é necesario un consenso político e social imprescindible para abordar medidas no curto prazo para seguir salvagardando o emprego mediante a figura dos ERTE, continuar protexendo ás persoas que perderon o emprego ou viron reducidos drasticamente os seus ingresos; tamén coas medidas precisas para inxectar liquidez nas empresas, sobre todo as PEMES, para evitar a súa desaparición e destrución de emprego.
Consideramos, por tanto, imprescindible a necesidade do consenso e da responsabilidade políticas para garantir a seguridade e atención sanitaria colectiva e individual da poboación ao tempo que, de maneira inmediata, impulsar un plan de impulso económico, especialmente naqueles sectores que durante máis tempo van sufrir a paralización da actividade, e que son moi relevantes na economía galega, especialmente na provincial.
Consideramos así mesmo paralelamente a necesidade de impulsar un cambio profundo no tecido produtivo -o sector industrial debe recuperar protagonismo, ante as necesidades de subministracións básicas que está a quedar patente nesta crise global-, así como un impulso aos servizos públicos, en particular de forma moi especial a saúde pública e a todos aqueles outros que son garantes de que que tanto as persoas como a estrutura económica colectiva estea ao servizo do interese colectivo e así mesmo con tódalas garantías de que as empresas podan exercer a súa actividade dende a perspectiva do interese colectivo da saúde pública.
Resaltamos o clamor colectivo de tódalas enquisas coñecidas dos medios realizadas nos derradeiros días nas que, en todas, unha amplísima maioría da cidadanía esixe altura de miras a tódolos grupos parlamentarios para que preserven a saúde pública colectiva e individual dende o consenso e alonxados de posicións electoralistas ou de oportunidades partidistas territoriais. Hoxe, máis que nunca, o interese colectivo en todos e cada un dos rincóns do estado é a prioridade, tanto na saúde como na preservación do tecido empresarial. Uns e outros serán reféns das súas posicións de responsabilidade ou irresponsabilidade e a cidadanía e a clase traballadora saberá perfectamente quen persegue o interese da saúde e dereitos colectivos ou de intereses oportunistas que, coa pandemia do COVID-19, ninguén entenderíamos desde a razón.