Elecciones Xunta de Galicia

Caballero: "Temos que ir a votar socialista o domingo para acabar coa politica caciquil"

Marlaska criticou que “Feijóo ten claro que o seu futuro non está en Galicia” situando a Caballero como un exemplo da defensa do investimento público e dun equipo sólido

Óscar Gómez

Ourense | 06.07.2020 08:04

Mitin do Psoe no Carballiño
Mitin do Psoe no Carballiño | Psoe ourense

Gonzalo Caballero considerou imprescindible “ir a votar o próximo domingo 12 de xullo, especialmente aquí en Ourense, onde o caciquismo decimonónico segue instalado nunha Deputación que é un exemplo de afronta contra a provincia”. Así o dixo o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta nun mitin no Carballiño no que interviron o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska; a número 1 pola provincia, Marina Ortega; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

Caballero destacou o papel do Goberno de progreso de Pedro Sánchez e agradeceu ao ministro o traballo feito “fronte a unha dereita e ultradereita que abandonaron calquera responsabilidade porque non asumiron os resultados das pasadas eleccións”.“Desta crise ou saímos todos ou non saímos ben, e para que pase isto está o Partido Socialista”, advertiu porque “non é o mesmo que goberne a dereita que a esquerda”.

“O 12 de xullo xogámonos o futuro de Galicia”, incidiu antes de sinalar ao PSOE como o “futuro do país fronte a unha dereita que quere deixar ver que xa está todo decidido”. “Eu non me resigno a que a Galicia na que vivo sexa unha Galicia na que non poidan vivir os meus fillos; na que os nosos maiores non vivan en dignidade; ou na que se pechen centros de saúde e hospitais comarcais”, proclamou antes de insistir en que “temos que pasar páxina porque xa son dabondo 11 anos de dereita”.

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, destacou o “municipalismo” como un dos elementos clave da política galega, aos que definiu como “o noso motor”, antes de insistir en que estas eleccións son “transcendentais tras 11 anos de gobernos conservadores que só trouxeron limitacións no investimento público”. “Xogámonos moito porque logo da crise sanitaria temos que proceder á reconstrución social e económica que o PSOE desde o Goberno central xa está a comezar, para que ninguén quede atrás”, advertiu reclamando “un goberno autonómico forte e leal” cos socialistas a fronte.

Marlaska tamén criticou que “Feijóo ten claro que o seu futuro non está en Galicia” situando a Caballero como un exemplo da defensa do investimento público. Rematou animando a que “ninguén quede na casa” porque “o PSOE ten equipo, ten programa e non nos podemos permitir seguir nunha política errática” do PP.

A número 1 ao Parlamento de Galicia pola provincia, Marina Ortega, aseverou que “estamos ante as eleccións máis importantes e vitais” dos últimos anos e criticou ao presidente da Xunta por “atribuírse méritos que son de todos nós” fronte ao abandono “do goberno galego que foi o único que non destinou axudas aos autónomos e empresas”. Ortega tamén proclamou que, se o 12 de xullo Caballero é presidente, os socialistas comprometeranse “cos nosos maiores que levan toda a vida traballando para que poidan vivir dignamente ao final da súa vida” nas residencias, pero tamén con aqueles que non queiran ir a un destes centros. “Se nos mobilizamos haberá cambio”, proclamou.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, resaltou a “laboura dos veciños solidarios” e do Goberno central “para vencer á pandemia” e indicou que as eleccións do 12 de xullo son importantes porque “imos ter un aliado na Xunta que coñece a Galicia do interior, a Galicia costeira e que leva a Galicia no corazón”.