Ourense Cidade

O BNG consegue a devolución das cotas das usuarias das instalacións deportivas municipais

O BNG mantivo reunións cos clubs e asociacións deportivas da cidade, todas sinalaron a escaseza de instalacións deportivas na cidade

Óscar Gómez

Ourense |

Pavillón dos Remedios | concello de ourense

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense consegue que as cotas das usuarias das instalacións deportivas municipais lles sexan devoltas e conxeladas. Asemade, a formación nacionalista reuniuse coa meirande parte das asociacións e clubs deportivos de Ourense e reivindicaron a escaseza de instalacións deportivas no Concello e criticaron ao co goberno municipal despois de ter aprobado uns orzamentos con pouca dotación orzamentaria ao respecto.

O 16 de abril, o BNG solicitoulle ao goberno local o adiamento ou reintegro das cotas efectuadas polas usuarias das instalacións deportivas do Consello Municipal de Deportes durante os meses que dure o estado de alarma e a posterior desescalada. A formación nacionalista indicou que eran servizos dos que non se estaban aproveitando as usuarias co peche das instalacións por seguridade sanitaria despois da declaración do estado de alarma.

“O BNG ven de manter reunións co tecido deportivo da cidade de Ourense. Foron moitos os clubs e asociacións deportivas que participaron nas reunións que a organización mantivo e todas elas apuntaron ás poucas instalacións deportivas dispoñíbeis no Concello de Ourense” sinalou a concelleira do BNG, Rhut Reza. Amais, indicou que o co goberno do concello ven de aprobar un orzamento anual con “escasa dotación orzamentaria” destinada a construír novas instalacións deportivas e mesmo a ampliar as xa existentes.

Esta situación agrávase ante a inminente remodelación das instalacións e a aplicación de novos protocolos sanitarios nas mesmas, o que reducirá de maneira substancial o aforo permitido. “Un aforo que nas horas puntas estaban masificadas nas instalacións municipais” asegurou a concelleira do BNG.

Reza lembrou que para o BNG a partida orzamentada dos investimentos para o CMD era insuficiente e volveu reiterar a “necesidade dunha partida axeitada ás necesidades dos veciños e veciñas , así como das deportistas da cidade”.