Ourense Provincia

Así traficou o PP de Ourense coas subvencións da Covid-19

Cargos próximos a Baltar difundiron información e documentos reservados da xunta de goberno da Deputación sobre estas axudas outorgadas unicamente segundo orde de rexistro

Óscar Gómez

Ourense |

Rafa Villarino | Onda Cero

Os paso información que me mandó el alcalde[de Ribadavia]”. Con esta frase comeza unha das numerosas mensaxes difundidas en chats públicos e privados coas que cargos públicos do PP de Ourense próximos a Baltar, traficaron con información a semana anterior á publicación no BOP das bases de subvencións a pemes e autónomos da Deputación de Ourense. Xunto á mensaxe achegaron documentos reservados dos expedientes da xunta de goberno que non son de acceso público.

Mensaxe de axudas da deputación de Ourense | Psoe ourense

Ao mesmo tempo, cargos do PP tamén publicaron en perfís de redes sociais persoais e institucionais, días antes de saír no BOP, información privilexiada errónea, o que provocou que 683 solicitudes foran rexistradas fóra de prazo, feito que supón a súa inmediata inadmisión a trámite. A pesar disto, a Deputación xa pagou moitas das axudas rexistradas extemporaneamente, prexudicando ás persoas físicas e xurídicas que presentaron a documentación en tempo e forma, xa que os fondos distribúense segundo orde de rexistro e ata esgotar o crédito no caso dos automonos, e proporcionalmente segundo o número de demandantes no caso das pemes. Hai uns días e co prazo aínda aberto xa se superaban amplamente as 6.000 solicitudes.

O voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, cualifica estes feitos como unha “desfeita do baltarismo inadmisible en plena emerxencia sanitaria” a causa dunha “trama caciquil de subvencións” coa que “buscaban réditos electorais ao traficar con información privilexiada” pero que “lles saíu mal porque o seu execrable caciquismo está a prexudicar a centos de afectados pola pandemia”. “Os insultos do PP ante a trama destapada polos socialistas son unha mostra evidente de que están moi nerviosos porque esta vez foron cazados”, recalca.

Tamén matiza que o PSdeG-PSOE quere clarexar o sucedido “nunha comisión de investigación para dar solucións inmediatas aos afectados e afectadas” porque “as irregularidades no acaban aquí e nos próximos días iremos destapando máis erros causados polo caciquismo express de Baltar”. Así mesmo anuncia que pedirá explicacións “no ámbito que corresponda” sobre o feito de que o grupo provincial do PP tivera acceso a un informe solicitado polos socialistas no que define como “unha nova volta de rosca do tráfico de influencias no que habitualmente navega o PP de Ourense”.

Informe do secretario xeral

O PSdeG-PSOE solicitou informes e accesos a documentación co fin de buscar solucións. O secretario xeral redactou un documento ao que os socialistas puideron comparecer o 9 de xuño no que confirma o advertido: “é certo que o prazo de presentación de solicitudes se iniciaba o 13 de maio, polo tanto, a presentación o 12 implica, en principio, unha infracción formal das normas”.

O secretario recoñece un erro propio ao informar na web da Deputación dos prazos no BOP si están correctos e conclúe que “o efecto práctico do erro informativo producido foi nulo” porque “o resultado práctico do procedemento non variaría” se esas solicitudes tiveran sido presentadas o día 13 e non o 12 xa que, no momento de redactar o informe, non se esgotara o crédito dispoñible. Os socialistas valoran as medidas a adoptar ante decisións executadas a pesar desta evidente infracción da lei.